O maradoniano Quique Cubas regresa á Lomba cheo de grandes recordos en arlequinado

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Fútbol O dianteiro centro medirase o domingo ao equipo no que se fixo mundialmente famoso defendendo os intereses dun Somozas lanzado

12 ene 2019 . Actualizado a las 14:34 h.

A Liga de Terceira reiníciase tres domingos despois coa disputa da derradeira xornada da primeira volta. O Arousa, cun partido no estadio da Lomba fronte ao Somozas, oitavo clasificado con 26 puntos, só 4 por debaixo do cadro vilagarcián, e nunha dinámica de crecemento substanciada nas catro vitorias e dous empates encadeados cos que pechou o 2018.

Co equipo de Ferrolterra volve á Lomba Quique Cubas. Autor a tempada pasada do gol do empate do seu actual equipo na Lomba na xornada 33. Pero tamén un dos xogadores que maiores doses de dopamina inxectou na afección arlequinada. Con dous dos mellores goles vistos, se non na historia, si no que vai de século nas botas dun futbolista do Arousa. O que lle endosou en abril do 2014 ao Cultural Areas emulando o tanto de Diego Armando Maradona no Mundial 86 a Inglaterra, con 12 segundos duns 60 metros de recortes, galope, e estocada final ao porteiro contrario que deu a volta ao mundo a través de moitos dos máis prestixiosos medios de comunicación do planeta. E cunha espectacular chilena ante o Choco en outubro do mesmo ano.

No Arousa Quique Cubas relanzou a súa carreira futbolística. Formado entre as canteiras do Pontevedra e do Celta, o dianteiro centro de Marín debutara co primeiro equipo granate na Segunda B da man, precisamente, do actual adestrador do equipo vilagarcián, Rafa Sáez. Logo dunha tempada no vestiario de Pasarón, Quique Cubas xogou na seguinte no Celta B e dúas no Montañeros, baixando despois da categoría de bronce do fútbol español á Terceira, onde asinou un ano no Cerceda, e dous no Arousa. O seu excelente rendemento como arlequinado devolveuno á Segunda B cun primeiro ano no Somozas, que deu paso a campaña e media no Coruxo, onde volveu ter a Rafa Sáez de técnico. Por razóns persoais que o obrigaban a mudarse á Coruña -ía ser pai do seu primeiro fillo-, regresou ao Somozas no mercado de inverno do 2018, no primeiro exercicio do cadro ferrolterrán na Terceira tras tres cursos lucindo nome na categoría de bronce.

«La verdad es que guardo muy, muy buenos recuerdos de Vilagarcía. El simple hecho de salir a A Lomba, ese ambiente, la gente animando.... Y eso que en lo personal fue duro, perdiéndome la mitad de la primera temporada después de romperme un peroné entrenándome en las primeras jornadas», dicía onte Quique Cubas.

No Arousa, lembra, asinou os goles máis bonitos da súa carreira. E se ben «personalmente me gusta más el que hice de chilena la temporada siguiente», o punta de Marín non pode esquecer a repercusión mediática do seu gol maradoniano. «Si te digo la verdad, cuando salí del campo, ni me imaginaba que el gol pudiese salir en la televisión. Al día siguiente, cuando empezó el bombardeo del gol, Rubén Abal, que entonces era el community manager del Arousa, y partícipe de esa repercusión, porque llevó el gol a los medios, me fue informando. Me decía, ‘‘¡Oye, que tu gol va a salir en la prensa holandesa!’’ ‘‘¡Oye, que va a salir en El Chiringuito de Jugones!’’». En menos dunha semana o vídeo daquel tanto de costa a costa acadara máis de 130.000 reproducións na rede. «Viví con mucha ilusión esa semana», rememora.

En Vilagarcía Quique Cubas mantén «gente que aprecio y que me aprecia», unha directiva a «la que tengo especial cariño», e un adestrador, Rafa Sáez, ao que «siempre le estaré agradecido por darme la primera oportunidad de jugar en Segunda B», na primeira xornada da Liga 2008/09 no campo do Sestao Ríver.

Cun equipo amplo, que vén de fichar o porteiro suplente do Ponferradina, David, polo lesionado Marcos Souto, e cun dos orzamentos máis potentes da Liga, o Somozas compite, afirma Quique Cubas, sen que o club lle marque a obriga de xogar a promoción. A chegada de Manolo García, o adestrador que hai catro anos levara o Racing Ferrol á fase de ascenso a Segunda, por Stili, que tivo que deixar o banco por razóns de traballo, non variou, sinala o punta, o estilo de xogo do Somozas: «Intentamos ser sólidos y solidarios en defensa; y en ataque, jugar rápido, no marear mucho la pelota. Porque en la Tercera prima más no cometer errores que los aciertos».