Alberto Blanco ten ganas dun posto de adestrador
11 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.A bo seguro máis dun vilagarcián que o coñece se terá sorprendido ao ver desde o pasado verán con frecuencia a Alberto Blanco polas rúas da capital arousá. Logo dos subcampionatos de Liga e de Copa co Lietuvos Rytas no corpo técnico da lenda do baloncesto lituano Rimas Kurtinaitis, plantándolle cara a unha das mellores versións do xigante continental Zalguiris Kaunas na final ligueira cun estreito 4-2 no cómputo global, era de imaxinar que Blanco volvería afincarse na capital de Lituania, Vilna, para cando menos repetir a súa dobre función de adestrador axudante e de head scout, isto é, máximo responsable da captación de talento e de potencia de xogo para o equipo no mercado internacional.
De feito, o arousán estivo moi preto de ter que elevar a súa xa extensa dedicación ao Lietuvos Rytas. Porque, desvelaba onte, o pasado verán estivo a piques de converterse no director deportivo do segundo club dun país que ten no baloncesto o seu deporte nacional, e case unha relixión. «Negociamos a ampliación en tres anos do meu contrato, pero non chegamos a acordo por diferenzas económicas respecto ao pagamento dos impostos».
Despois o troco de adestrador, co club prescindindo de Kurtinaitis e fichando o seleccionador lituano, Dainius Adomatis, levou aparellado o desembarco dos axudantes deste último no corpo técnico do combinado nacional báltico. Alberto Blanco viuse así relevado dunha das súas dúas funcións, volvendo a dedicarse en exclusiva ao labor de olleador dos rivais e de análise do mercado de xogadores na procura de reforzos de urxencia ou de futuro no segundo e último ano do seu actual contrato co Lietuvos Rytas. Un recorte de competencias que o leva a facer viaxes de ida e de volta de Vilagarcía a Vilna practicamente cada sete días.
Con ganas de dirixir un equipo
Superado o ecuador da súa cuarta tempada no organigrama técnico do Lietuvos Rytas, Alberto Blanco manifestaba onte que «remato contrato o 30 de xuño, e teño a ambición e as ganas de estar nun banco e de dirixir». Probada a experiencia, co recordo inda ben fresco do seu traballo a pé de pista cunha lenda da talla de Kurtinaitis, o vilagarcián sinala que «a maior carencia que sinto neste momento, despois dun ano sentado nun banco deste nivel -na elite do baloncesto europeo-, é adestrar».