O Arousa completa o seu test co Val Miñor xuvenil con boas sensacións e un 2-0

Sylla, a balón parado, marcou os tantos dun partido de rodaxe de cara ao reinicio da Liga


Co reinicio da Liga a oito días vista, o Arousa completou na mañá de hoxe a súa semana de regreso ao traballo logo de nove días de vacacións navideñas cun partido de adestramento no estadio da Lomba, fronte ao Val Miñor da División de Honra Xuvenil. Un encontro con 2-0 no marcador final, que reflicte a un tempo a lóxica perda de ritmo competitivo do conxunto arlequinado, e o grao de esixencia presentado por un rival, noveno no Grupo 1 da máxima categoría do balompé xuvenil español, coa motivación extra de competir cun dos grandes da Terceira División. E as sensacións obtidas do test polo técnico do Arousa, Rafa Sáez, resultaron netamente positivas segundo explicou ao termo do partido.

O adestrador pontevedrés orientou o choque cara un dobre obxectivo. Acelerar a recuperación do ritmo de competición dos seus homes. E darlles minutos de xogo a aqueles futbolistas á súa disposición con menos oportunidades ata agora na Liga. Sobre este último punto, e mantendo durante todo o partido o seu habitual debuxo en 4-2-3-1, Rafa Sáez dispuxo de saída a Aarón na portería, Pacheco e Suso nos laterais con Pablo e con Batallón no centro da zaga, Mou e Cristóbal no dobre pivote, Carlos Torrado adiantado a extremo dereito, Javi Nogueira no esquerdo e Luis García de enganche con Mauri como referencia atacante. A primeira parte finalizou sen goles.

No descanso o técnico arlequinado deu entrada a Iago Martínez por Suso, a Julio Rey por Cristóbal, a Chiqui por Pacheco, e a Sylla por Javi Nogueira, retrasando a Carlos Torrado á zaga e situando a Mauri en banda esquerda. Nun campo chego de xeada, se ben pefectamente practicable, Trapero, Manu Rodríguez e Javi Otero, con molestias, adestráronse en paralelo, quedando tamén inédito no encontro de rodaxe o porteiro titular do equipo, Manu Táboas.

Sylla ratificou o seu estado de graza, marcando os dous tantos da mañá cun cabezazo nun saque de córner nos primeiros compases da segunda parte, e de penalti feito sobre Mauri a uns dez minutos da conclusión do choque.

Rafa Sáez quixo agradecerlle ao Val Miñor xuvenil a súa colaboración desprazándose na véspera de Reis ata Vilagarcía, e salientou o traballo do equipo rival, que «nos obrigou a facer un esforzo físico» ante «o bo ritmo de xogo do Val Miñor. Este partido valeunos para moito, saimos con moi boas sensacións de cara ao regreso á Liga», declarou Sáez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa completa o seu test co Val Miñor xuvenil con boas sensacións e un 2-0