O Arousa xoga un amigable co Val Miñor xuvenil, e preocupación por Gabi na Senra

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O partido xógase esta mañá na Lomba con entrada gratuíta

05 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A menos dun mes do peche do mercado, e a unha semana do reinicio da Liga, o Arousa retomaba o mércores o traballo co radar desconectado tras nove días de permiso aos xogadores de Rafa Sáez. O técnico arlequinado reiteraba onte a política do club ao respecto tras o inicio do campionato: «O club está aberto a incorporar xogadores que poidan mellorar o que temos co orzamento dispoñible». Unha dobre condición que limita as opcións, sinala Rafa Sáez, a futbolistas da contorna de Vilagarcía, ou da zona de Vigo. Algo que, con todo, non semella resultar unha preocupación para o preparador, que a vindeira semana verá a marcha do canteirán Javi Acuña en forma de cesión, se ben continuando este último a adestrarse co Arousa un día á semana.

Así as cousas, ao contrario cos seus veciños, o interese de Rafa Sáez está centrado neste momento única e exclusivamente na recuperación do ton competitivo dos seus homes tras o parón navideño. Obxectivo para o que programou un amigable hoxe desde as 11.45 na Lomba, co Val Miñor de División de Honra Xuvenil.

Pola súa banba, o técnico do Ribadumia, Luis Carro, segue a traballar na contratación de máis reforzos tras a chegada esta semana do mediapunta Tomás Abelleira do Ourense C.F. E é que a lista de mancados nas filas aurinegras non para de medrar. Fran Matos, k.o. o resto da tempada, Cerqueiras, con máis dun mes de recuperación inda por diante por unha fractura de peroné, Teti reintegrándose ao grupo case inédito esta tempada por problemas nos tendóns dun xeonllo; e Fandiño (isquiotibiais), Santi (pubalxia) e Miguel (lumbalxia) tocados. Pero ademais, Gabi arrastra unha lesión nun xeonllo por un golpe no partido do 23 de decembro contra o Arousa; pendente dunha ecografía, o seu técnico teme unha escordadura, ou mesmo unha lesión de menisco.