Arousa copa o 10 % dos beneficiarios das axudas DGAN

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Camila Aldana Morison, con 4.500 euros, recibe a maior partida entre os 21 Deportistas Galegos de Alto Nivel na comarca incluídos no reparto autonómico

04 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Deporte Galego resolveu a semana pasada a concesión da súa liña de Axudas DGAN 2018, isto é, o paquete económico que o ente autonómico destina a aqueles especialistas que teñen recoñecida a condición de Deportistas Galegos de Alto Nivel. Das 282 solicitudes presentadas, o número de axudas resoltas nesta última convocatoria ascendeu a 200. E 21 das concedidas, isto é, un 10 % do total da comunidade, correspóndense a deportistas do Salnés e do Baixo Ulla, afincados na zona, ou federados en clubs da beira sur da ría de Arousa.

O piragüismo consolídase un exercicio máis como a fonte principal de entradas nun listado, o das Axudas DGAN, que serve tamén de indicador da saúde do deporte dunha bisbarra. Con 16 padexeiros facéndose acreedores de cadansúa subvención autonómica polos seus méritos en competicións oficiais.

Seguindo a tónica do resto de Galicia, a maioría dos DGAN arousáns con dereito á liña de axudas da Fundación Deporte Galego reciben a DGAN 4 -hai ata a 6-, cun importe ordinario de 2.000 euros por beneficiario, e destinada maioritariamente a campións de España en categoría absoluta en probas olímpicas, participantes en mundiais de probas olímpicas, e medallistas en mundiais séniores de modalidades fóra do programa dos Xogos Olímpicos. Trece dos 16 padexeiros arousáns perceptores das Axudas DGAN 2018 figuran nesa liña 4: os breoganistas Tono Campos, Noel Domínguez, Natalia García, Óscar Graña, Elena del Mar Naveiro, Diego Romero e José Manuel Sánchez, as deportistas das Torres-Romaría Vikinga Ángela Baúlde, Raquel Da Costa, Rebecca Laurijssen e Fátima Ordóñez, un Ramón Ferro no Náutico O Muíño, e a canguesa afincada no Grove Teresa Portela. Cunha DGAN 3 a cesureña Camila Morison é a arousá con maior participación na liña de subvencións autonómica, con 4.500 euros, completando a nómina de padexeiros Tania Álvarez Yates, do Breogán, e María Pérez, do Náutico O Muíño, DGAN 6 con 1.500 e con 1.350 euros, respectivamente.

Cun DGAN 4 foi recoñecido o loitador do Kenpo Vilagarcía Pedro Muñoz, co seu compañeiro de equipo Ricardo Ramos recibindo unha DGAN 6 de 375 euros. E con DGAN 5 aparecen no listado a atleta vilagarciá Raquel Meaños, a canicrosser catoirense Mónica Touriño e o seu compañeiro vigués no Kennel Den Óscar Piñeiro, os tres con 1.000 euros.