Os concellos arousáns, entre os que menos precisaron do servizo de mantemento de estradas da Deputación no 2018

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A brigadas realizaron un total de 478 intervencións na provincia, menos que o ano anterior

01 ene 2019 . Actualizado a las 20:42 h.

As brigadas de conservación e mantemento da mobilidade na rede de estradas provinciais realizaron ao longo do ano 2018 un total de 478 actuacións de emerxencia, unha cifra máis baixa que a dos tres anteriores exercicios debido á redución das incidencias por causas climatolóxicas. As borrascas, de menor intensidade, crearon menos complicacións e non foi preciso facer tantas saídas por asolagamentos, retirada de árbores, nevadas ou inundacións o que motivou, segundo confirmou o deputado responsable do departamento de Mobilidade, Uxío Benítez, que as actuacións por accidentes de tráfico volveran ser as máis numerosas.

Os concellos nos que menos incidencias se detectaron en 2018 foron Cambados (2 emerxencias), Poio (1), Portas (2), Dozón (1), Mos (2), O Rosal (1) e Oia (1). Non se recibiron avisos dos concellos de Pontecesures, Vilagarcía, Agolada, Crecente, Salceda e A Guarda, en moitos dos casos polo escaso número de estradas provinciais no seu territorio.

As actuacións de emerxencia das brigadas son a resposta aos avisos chegados a través da Unidade de Control e Vixilancia da Deputación, que recibe e organiza as chamadas do 112, gobernos locais e outros servizos de emerxencia de toda a provincia durante as 24 horas do día, 365 días. Con datos a 31 de decembro as incidencias máis habituais foron o soporte e atención en accidentes de tráfico, para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (162); as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (108 fronte ás 201 do 2017); a sinalización e actuacións por desprendementos de noiros con terra e pedras (48); a recollida de animais soltos (45); fochancas (31); asolagamentos (24) ; así como saídas por nevadas ou xeo (16 fronte ás 49 de 2017); e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de saneamento, postes caídos, retirada de metais…).

Por meses do ano, a mínima de actuacións de emerxencia das brigadas rexistrouse no mes de setembro, con 16 e a máxima no mes de novembro con 81, sendo a o inverno e a primavera as estacións que acumularon máis actividade. Así, no mes de xaneiro alcanzáronse 47 actuacións motivadas principalmente pola borrasca «David»; 39 no mes de febreiro ?cando apareceu o temporal «Emma»-; outras 66 no mes de marzo coincidindo coas borrascas «Félix», «Gisele», e «Hugo»; 47 no mes de setembro e as mencionadas 81 de novembro, cando se rexistraron importantes ventos e chuvia polas borrascas «Adrián», «Beatriz» e «Carlos», que fixeron que as nove brigadas estivesen a pleno rendemento, segundo informa a Deputación.

Segundo lembra o deputado Uxío Benítez, o sistema de emerxencias nas estradas provinciais funciona 24 horas ao día 365 días ao ano seguindo un protocolo automatizado que permite unha rápida resposta. As alertas por problemas que non permiten axeitadamente a circulación de persoas ou vehículos nas estradas provinciais chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación tanto a través da Policía Local do concello afectado, da Garda Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño, así como tamén do servizo 112 -que activa un protocolo de actuación propio.