O Concello de Vilagarcía súmase aos espónsores de Jéssica Bouzas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Asinan un contrato de promoción da imaxe da vila, usado tamén con clubs

29 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o concelleiro e presidente da Fundación Municipal de Deportes, Miro Serén, tributáronlle onte unha recepción municipal a Jéssica Bouzas. A alumna da Academia Tenis Ferrer, actual número 165 do ITF Tennis Junior, ránking mundial de referencia para os tenistas Sub-18 con vistas a facer carreira profesional, pasa tres semanas de vacacións en Vilagarcía, o que foi aproveitado polo goberno local para «recoñecer a unha das deportistas que exportan o nome da nosa cidade a nivel internacional», subliñou o rexedor.

Por iso mesmo, e tras felicitala xunto co seu concelleiro, Varela e Serén informaron da inclusión de Bouzas entre os beneficiarios do contrato de promoción de imaxe cos que o Concello de Vilagarcía apoiou tamén este ano os clubs Vilagarcía T.M., Cortegada, Os Ingleses e C.R. Vilaxoán por levar o nome de Vilagarcía fóra de Galicia.

Jéssica Bouzas, que recibirá 1.700 euros do Concello polo seu contrato de promoción de imaxe da localidade, respostou cun «muchísimas gracias por todo el apoyo. Estoy superagradecida. Siempre me voy a sentir de aquí. Soy de Vilagarcía. Gracias a estos pequeños detalles los tenistas podemos seguir adelante».