Mari Paz Vilas, a agradecida madriña do C.D. Bamio

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A internacional compartíu unha sesión de fotos con canteiráns do club do seu lugar, louvando a nova aposta polo fútbol feminino da entidade

28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun sorriso prendido na cara desde o primeiro minuto, a Mari Paz Vilas notábaselle na noite de onte que estaba na súa casa. Non só por atoparse no campo municipal bautizado desde hai un par de anos co seu nome. Mari Paz Vilas acudíu encantada ao encontro cun grupo de canteiráns do C.D. Bamio, o equipo do seu lugar de nacemento. Ese pequeno club que traballa baixo a presidencia de José Luis Vilas o fútbol artesanal, gardando as esencias do deporte fronte á mercantilización que comeza a instalarse ata nas estruturas do balompé base. O tío de Mari Paz sabía perfectamente onde e cando atopar o oco na ateigada axenda da internacional absoluta e xogadora do Valencia C.F., e ela nin podía, nin quería, dicirlle que non.

«Es un placer estar aquí. Que el Bamio tenga ahora equipo femenino -desde a presente tempada-, que ayude a crecer el fútbol femenino, dice mucho del club», declarou a autora do gol que o pasado mes de xuño abría o triunfo sobre Israel que materializaba a clasificación de España para o seu segundo Mundial, o vindeiro ano en Francia. E a valencianista prestouse a toda canta foto se quixeron facer con ela os asistentes á cita.

Mari Paz regresou o día 24 a Vilagarcía, e marchará o domingo uns días a Barcelona antes de reincorporarse á disciplina do Valencia o 2 de xaneiro. Co seu equipo lonxe das expectativas xeradas na pretempada, noveno con só 17 puntos, o coordinador do C.D. Bamio, Sergio González, comentou que «queremos que se sinta arroupada», subliñando o afecto que une o club e a que é unha das catro únicas futbolistas galegas na Primeira División española.

Se alguén rivalizaba onte co sorriso de Mari Paz sobre o céspede do campo do seu nome ese era o seu tío. Porque ademais do «orgullo para a familia» que é ter unha deportista do nivel de Mari Paz, onte José Luis Vilas tivo a oportunidade de facerse unha foto única. A del coa súa sobriña e cos dous netos que hoxe xogan no C.D. Bamio, Luis Diz e Noa Vilas.

Torneo Benxamín

No seu afán pola promoción do deporte base, o C.D. Bamio organizará mañá a primeira edición do seu torneo benxamín, con sesión de mañá e de tarde, e participación tamén do Puebla, Catoira, Arousa, Cordeiro, Conxo, Carreira e o E.F. Sports de Noalla.