Anaco inaugura o servizo de publicacións de Vilagarcía

VILAGARCÍA DE AROUSA

R.E.

É unha revista poética que leva o cuño da Mesa das Verbas

28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía ven de publicar o número inaugural de «Anaco», a nova revista poética de Vilagarcía. Leva o cuño da Mesa das Verbas, un colectivo formado por «amantes da literatura» que, dende hai xa oito anos, se dan cita unha vez ao mes para ler versos e falar das palabras e das letras, democratizando a literatura e a poesía. O feixe de poemas escollidos para a revista están asinados por vintecatro membros deste colectivo. Máis da metade están escritos en galego, segundo salientou onte Xermán Torres, un dos pais do grupo, quen amosou a súa disposición a que Anacos teña un número dous e un número tres... Malia o traballo de produción que vai supor.

Anacos é, polo demais, a obra que inaugura o servizo de publicacións do Concello de Vilagarcía, co que este pretende potenciar a cultura local, «apoiando ás persoas que fan literatura dende aquí»; e «promover o uso da lingua galega», segundo explicou Sonia Outón.