Eses reencontros que non fallan no Nadal

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Nestas datas hai visitas inescusables, entre elas as de Os Bolechas e a da mítica Apalpadora

27 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Nadal é tempo de reencontros, de visitas que non poden fallar. Xa pasou por aquí Papa Noel, os Reis Magos están de camiño, e a Vilagarcía chegan hoxe novos convidados que se queren sumar ás festas. Os primeiros en arribar á capital arousá serán Os Bolechas, que acompañados do seu can Chispa estarán a partir das seis da tarde no auditorio municipal para contar unha das súas últimas historias, unha viaxe ao Polo Norte para facer un boneco de neve que nunca se derreta. A entrada para vivir este «Nadal no Polo Norte» é libre e de balde ata completar aforo. A representación terá unha duración aproximada de unha hora e está especialmente recomendada para nenos e nenas de tres a once anos.

Ao remate do espectáculo, arredor das sete da tarde, e xusto á saída do Auditorio, os cativos poderán atoparse coa Apalpadora, que baixará un ano máis da montaña para visitar á rapazada da man da Deputación. Ao abeiro do programa «Nadal en Galego». A actuación da Apalpadora terá como eixo central a sensibilización sobre o coidado do medio natural, e do monte, e a preservación das especies autóctonas.