O Club Triatlón Vilagarcía e Serviocio organizan a primeira San Silvestre Acuática da comarca

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

VÍTOR MEJUTO

A cita, con fins solidarios e aberta a todo o mundo, este domingo

27 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A brutal crise económica que leva instalada na nosa sociedade nos últimos dez anos ten, paradoxalmente, algunha derivada feliz. Se é certo que a solidariedade foi sempre un dos sinais de identidade da comarca arousá, tamén o é que nos últimos tempos, en paralelo ao bum de novos clubs na zona, son cada vez máis as citas deportivas pensadas co obxectivo de axudar aos veciños máis vulnerables da bisbarra co gallo da celebración do Nadal. A última en sumarse a esta indispensable axenda é a San Silvestre Acuática 100x100 Nadando por la Integración que o Club Triatlón Vilagarcía e Serviocio, a concesionaria da piscina municipal de Vilagarcía, organizarán na tarde do derradeiro domingo dun 2018 en retirada.

O secretario do Triatlón Vilagarcía, Carlos García, explicaba onte que a proba adaptará un formato que está facendo carreira no mundo da natación en piscina, o 100x100. Só que no caso da San Silvestre Acuática da capital arousá, adaptado á data e á hora do inicio, as catro e media da tarde. Así, en vez de propoñer cen relevos, cun cento de metros a nado para cada un dos integrantes dos diferentes equipos inscritos, cada equipo nadará 100 minutos, mantendo, iso si, a distancia dos cen metros que deberán cubrir os relevistas con cada un dos seus saltos á piscina.

Carlos García conta que a San Silvestre Acuática forma parte das actividades solidarias do Triatlón Vilagarcía, que dúas semanas atrás organizaba o Trizancadas, un trail con saída e chegada a Fexdega ata o alto de Lobeira, sen afán competitivo, e destinado a reunir alimentos non perecedeiros e roupa deportiva para a súa distribución entre a poboación local máis desfavorecida por parte da Fundación Amigos de Galicia.

O domingo pídeselles aos nadadores e ao público asistente a doazón de alimentos para necesidades especiais; isto é, sen gluten, sen azucre ou sen lactosa, para o seu reparto pola mesma onegé. A participación, subliña García, está aberta a todos os públicos, tamén a nenos, e a inscrición ata o mesmo inicio da proba. Con Eles, os clubs Triatlón, Natación e Salvamento Vilagarcía, e o C.N. Sanxenxo xa confirmaron a súa presenza.