Os Terceiras arousáns vanse unha longa semana de vacacións coa mirada posta no mercado

Fútbol Arousa, Ribadumia e Céltiga danlles descanso aos seus xogadores aproveitando as dúas semanas de parón de Liga mentres buscan reforzos


Tres semanas mediarán entre a penúltima e a derradeira xornadas da primeira volta da Liga de Terceira. Co campionato parado ata o 13 de xaneiro, os corpos técnicos dos tres equipos do Salnés na categoría, Arousa, Céltiga e Ribadumia, coincidiron en concederlles aos seus respectivos xogadores unhas extensas vacacións, co regreso fixado o 2 de xaneiro nos dous primeiros casos, e o 31 de decembro no ribadumiense.

Pero se os futbolistas iniciaban o domingo un período de desconexión, os seus adestradores non poden dicir o mesmo. En maior medida os do C.D. Ribadumia e do Céltiga. A delicada situación de ambos os dous equipos na clasificación, e as súas dinámicas negativas levaron á conclusión nas oficinas da Senra e do Salvador Otero de que é preciso acudir de novo ao mercado se queren endereitar o rumbo.

C.D. Ribadumia

Reunión técnico-directiva. A goleada encaixada o pasado domingo do Arousa na Senra, 0-4, deixou moi tocado o equipo que dirixe Luis Carro. Quinto pola cola da clasificación cun só punto sobre a zona de descenso directo, o Ribadumia perdeu oito dos seus dez últimos partidos de Liga. Amosando unha dramática fraxilidade defensiva, que o converte no equipo que máis goles encaixa do campionato, 36, a dous de media por encontro.

 

Así as cousas, o adestrador aurinegro reuníuse o luns coa directiva. E máis aló do apoio firme a Luis Carro e ao seu traballo á fronte do vestiario, a principal conclusión da cúpula do club é que toca «buscar algo no mercado que nos poida mellorar», conta o técnico.

¿Que é o que busca concretamente o Ribadumia? «Dá igual a posición. Estamos valorando as prioridades. Non creo que vaiamos sobrados en ningunha posición», sinala Carro, quen engade que «nos tería gustado chegar a este parón noutra posición. Nunca entrou nos nosos plans ter que fichar neste momento, pero as circunstancias obrigan». Circunstancias que, máis aló da dinámica e da clasificación, inclúen a baixa para o resto da tempada de Fran Matos, un Teti practicamente inédito, e a lesión de Cerqueiras, que tras tres meses parado por un edema óseo, e despois dun de actividade na Liga, ten para outros dous meses no dique seco por unha fractura de peroné. Se a iso se lle engaden «dous ou tres futbolistas con pouca presenza, quédannos uns 16 futbolistas» na rotación real do equipo, comenta Luis Carro. A chegada de máis dun reforzo levaría aparellada unha baixa por cada nova operación.

Céltiga

De dous a tres reforzos máis. O pasado domingo o Céltiga contou co debú de Lucas Carminati. Procedente do Cultural Areas da Preferente, o lateral esquerdo arxentino é a segunda fichaxe do Céltiga no mercado de inverno, tras a do dianteiro centro Igor Sevivas do Arenteiro; este último, pendente de estrea cos do Salvador Otero á volta do parón, ao estar a recuperarse dunha escordadura de nocello.

O novo adestrador do cadro illense, Javi Rey, deixa claro que o Céltiga precisa de máis novos efectivos para saír da súa xa dramática situación, penúltimo na clasificación con tan só 14 puntos logo de oito derrotas encadeadas; as tres últimas, co relevo de Manolo Núñez á fronte.

«Buscamos jugadores en todas las líneas. La idea es hacer 2-3 fichajes más para subir el nivel de la plantilla», di Javi Rey, quen non descarta tampouco atopar a un home que marque as diferenzas no que investir todos os recursos dispoñibles do club.

O canteirán Javi Acuña sairá cedido do vestiario arlequinado

A traxectoria do Arousa nos dous últimos meses de Liga facía crer na necesidade dalgún revulsivo inmediato en forma de novos efectivos. O 0-4 a costa do veciño Ribadumia, e o recurte de 8 a 5 os puntos de desvantaxe con respecto ao cuarto clasificado, o Compos, semellan ter rebaixado a urxencia do asunto. O técnico do Arousa, Rafa Sáez, declara ao respecto que «sempre que poida chegar un xogador que mellore o que temos, e que se axuste ás posibilidades económicas do club, ficharemos». Mentres, a novidade no equipo é a cesión en breve do canteirán Javi Acuña a un equipo por determinar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os Terceiras arousáns vanse unha longa semana de vacacións coa mirada posta no mercado