O Cortegada busca recuperar o ánimo no adeus a un 2018 para esquecer

Lorena é esta tarde en Fontecarmoa baixa ante o Mataró, tras sufrir o que semella unha escordadura no mesmo xeonllo da súa recente lesión de longa duración


vilagarcía / la voz

A A.D. Cortegada despide esta tarde (Pavillón Municipal de Fontecarmoa, 17.30 horas) un 2018 que pasará aos anais do club como un dos anos máis grises da súa historia. Logo de pechar a pasada primavera a anterior edición da Liga Feminina 2 cunha pobre imaxe, reflectida na sétima posición final na táboa clasificatoria a cinco triunfos do corte de acceso á fase á LF, o conxunto que dirixe Rubén Domínguez corre o risco de seguir o mesmo camiño no presente curso deportivo. Coa diferenza de asentar o seu balance de números vermellos nunha paupérrima primeira volta que contrasta coa dun ano atrás, cando o Cortegada era quinto a un triunfo do segundo, antes do lío cos papeis de Amy Syll no seu dilatado regreso de Senegal tras as vacacións de Nadal. As que collerá o cadro vilagarcián ata o 3 de xaneiro unha vez complete o seu duelo desta tarde co Mataró Parc Boet.

Co insuficiente asegurado tras non ser quen de gañarlle a un só dos seis primeiros clasificados e despedir o 2018 cun balance negativo de triunfos e de derrotas -hoxe cun 4-6-, a A.D. Cortegada está obrigada a derrotar o sétimo mellor equipo tras as once primeiras xornadas de Liga para non pechar o primeiro trimestre do curso cun moi deficiente no seu boletín de notas.

O Mataró preséntase en Vilagarcía logo de gañar 6 partidos e caer nos 5 restantes. Entre as súas vítimas, os únicos catro conxuntos con peor traxectoria có Cortegada na Liga, o Segle XXI, Maristas Coruña, Arxil e C.B.F. Cerdanyola, ademais dun GDKO Ibaizabal e dun Barça C.B.S. aos que sorprendeu no primeiro mes de competición en calidade de anfitrión.

O adestrador do Cortegada, Rubén Domínguez, sinalaba onte a incidencia no xogo do Mataró do trío formado pola escolta Itziar Llobet, a á-pívot Marta Claret e a pívot Olga Ruano, compañeiras naquel Sant Adriá que na primavera do 2017 conseguira en León o ascenso á Liga Feminina na última fase con participación do cadro vilagarcián. «Normalmente el Mataró intenta jugar mucho a través del balón interior. También aprovechan que a su americana -Judy Jones- le gusta penetrar, y el tiro exterior del resto del equipo», conta Domínguez.

Catro partidos despois, Rubén deberá volver manexarse con tan só sete séniores. Lorena, que a finais do mes pasado reaparecía logo de oito meses parada por unha grave lesión no seu xeonllo dereito, tivo que retirarse o xoves da sesión de adestramento do equipo arousán ao mancar a mesma articulación. As primeiras probas apuntan a unha escordadura, pero a inflamación da zona obriga a agardar por un diagnóstico definitivo a lo menos ata o vindeiro mércores. Ademais, Izabella Sangalli torceu un nocello no mesmo adestramento, inda que no seu caso onte semellaba que se tratara só dun susto.

Recollida de alimentos e de xoguetes

Co gallo do último partido de Liga do 2018, e ás portas do Nadal, a A.D. Cortegada quíxose sumar á campaña de captación de xoguetes novos e de alimentos que está a facer a Fundación Amigos de Galicia. Baixo o título «Partido pola ilusión», o club de baloncesto feminino anima a todos os seus socios e demais afeccionados ao equipo a acudir esta tarde ao encontro do Cortegada co Mataró Parc Boet no pavillón número 1 do complexo polideportivo de Fontecarmoa cunha doazón. O material reunido será repartido entre as familias con dificultades económicas severas que a Fundación Amigos de Galicia atende en Vilagarcía de Arousa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Cortegada busca recuperar o ánimo no adeus a un 2018 para esquecer