«Tiña que caerlle a cara de vergoña a quen fixo as pintadas machistas»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O centro plántase con novos carteis fronte a quen emporcou a campaña contra a violencia de xénero

19 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, alumnos e profesores da escola oficial de idiomas de Vilagarcía reaccionaron por segunda vez contra quen, ao longo da semana pasada, se dedicou a alterar os carteis cos que o centro se sumara á campaña do 25 N contra a violencia machista. Fronte aos insultos como bitch (puta) ou feminazi que empregou o autor desta acción, a escola despregou unha pancarta violeta na que lle reprocha a súa covardía amparada no anonimato.

-¿Teñen algunha idea de quen puido facer isto?

-Non. Aínda que ao vestíbulo onde están os carteis pode acceder calquera, supoñemos que pode ser un alumno, e que ademais estuda inglés, porque só se atreveu coas mensaxes que estaban nese idioma. Pero podería ser alguén de fóra. Nin sequera sabemos se foi un home ou unha muller. O que está claro é que con esta campaña a alguén estamos a pisarlle algún callo.

-¿Ninguén viu nada, logo?

-A primeira vez veu unha rapaza avisar de que estaban pintando por riba das mensaxes dos alumnos. Pero quen o fixo púxose pola parte de atrás do taboleiro que colocamos no vestíbulo, o que dificulta que se lle puidese ver no momento no que escribía. A quen fixo estas pintadas machistas tiña que caerlle a cara de vergoña.

-É de supoñer que na escola se reflictan dalgún xeito os problemas que padece a sociedade. ¿Pero hai precedentes de comportamentos deste tipo?

-Cando se debate sobre este tema, nas aulas sempre hai alguén que solta as típicas premisas machistas, no sentido de que as mulleres imos provocando. Algún que outro comentario dese tipo houbo, que os profesores cortamos de contado. Pero nunca antes se producira algo tan evidente e tan insultante. Xa non é só que escriba cousas como feminazis, é que por riba faino manipulando o traballo feito polos seus compañeiros. A xente está indignada, sobre todo as mulleres.

-Vostedes reaccionaron ata dúas veces diante as pintadas, ¿non?

-Primeiro habería que explicar que decidimos ampliar a campaña do 25 N para mantela ata o Nadal. A razón é obvia, diante de todo o que está pasando. Non hai máis que lembrar o que lle acaba de suceder a Laura, a profesora de Zamora que foi asasinada en Huelva. O caso é que a primeira vez que vimos as pintadas non lle dimos tanta importancia. Non pensas que de verdade haxa detrás tan mala intención. Pero cando as mensaxes tórnanse en insultos temos que facelo visible. Por iso colocamos este novo cartel, lembrándolle a quen o fixo que igual se pode refuxiar no anonimato, pero nunca poderá agochar o que é.

-¿Algunha outra medida?

-Estamos pensando en incorporar este problema ao noso plan de convivencia, e o Concello está estudando o desenvolvemento de accións de concienciación.