O Vilagarcía Tenis de Mesa segue a pagar o seu erro administrativo
VILAGARCÍA DE AROUSA
O cadro arousán caeu 4-1 en San Sebastián de los Reyes cun rival directo
11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Sen Michal Obeslo nin Jean Lauric, inaliñables polo Vilagarcía T.M. na Superdivisión ata a segunda volta, o conxunto arousán penou unha fin de semana máis o castigo ao erro administrativo cometido polo presidente e adestrador do club, Antonio Castro, ao non informarlle á Real Federación Española de Tenis de Mesa da totalidade das competicións ligueiras nas que participan os xogadores franquicia do equipo galego. Desta volta, en partido correspondente á novena xornada da Superdivisión, o Vilagarcía T.M. caeu a mans dun dos seus sobre a mesa rivais directos por esquivar os dous postos de descenso. Cun 4-1 do San Sebastián de los Reyes, que tras catro empates e outras tantas derrotas, gañou o seu primeiro encontro a costa dos de Antonio Castro.
Sergei Nigeruk recibíu un 3-1 de mans de Gustaf Ericson. Sen a menor opción, Pedro Castro cedeu en 3-0 ante Daniel González. O cubano Renier Cabezas perdeu tamén o seu primeiro encontro, 3-1 con Carlos Franco. Nigeruk puxo o 3-1 no global tras impoñerse en catro xogos a González, pero Cabezas non foi quen de forzar o encontro que podía levar ao empate, sucumbindo con Ericson, tamén en catro xogos. O Vilagarcía T.M. segue a ser o pechacancelas cun triunfo e con oito derrotas.