Cambados e Vilagarcía pechan a táboa da Superdivisión

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Derrotas contundentes de ambos os dous equipos arousáns o domingo

04 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os peores presaxios acabaron confirmándose na mañá do domingo, e os dous equipos arousáns na Superdivisión de tenis de mesa remataron novamente con derrota os seus correspondentes compromisos de Liga.

O Cambados T.M. nada puido facer ante a manifesta superioridade do líder da máxima categoría, o Arteal T.M., que regresou a Santiago cos 2 puntos en xogo no Pavillón Municipal do Pombal. Stefan Shaposhnikov era, no primeiro emparellamento fronte a Moisés Álvarez, a maior baza local para evitar o 0 no seu marcador final, pero o ruso cedeu por idéntido 5-11 os seus tres xogos co seu rival. Javier Soria, ante Humberto Manhani, e Fernando Padín diante de José Énio Mendes, tamén caeron en tres xogos, con Shaposhnikov pechando o choque 1-3 con Manhani.

O Vilagarcía T.M., pola súa banda, caeu 1-4 co Fundación Cajasol Híspalis. Pedro Castro encaixou un 0-3 de Artem Panchenko, Reinier Cabezas perdeu en cinco xogos con Anthony Arputharaj, Sergei Nigeruk sumou o punto da honra vilagarciá ante Antonio Chaves cun 3-0, para ver despois as derrotas de Castro con Arputharaj 0-3 e de Nigeruk ante Panchenko 1-3.

Con estes marcadores o Cambados T.M., con 3 puntos, volve á zona de descenso acompañando o Vilagarcía T.M., pechacancelas con 2.