Concello e AF7 declinan a mediación do BNG para resolver o seu conflito

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

emilio moldes

O goberno local remítese á súa postura exposta no pleno da Corporación o xoves, e a organización do torneo di non ter ningunha valoración que facer

01 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A mudanza a Sanxenxo do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 desde Vilagarcía, onde naceu no seo do Arousa e creceu durante os seus 22 primeiros anos de existencia, semella cada vez máis preto de converterse nun feito consumado. Nin a organización do campionato nin o goberno local que encabeza Alberto Varela quixeron activar onte a vía de diálogo que a voceira do grupo municipal do BNG tentou abrir. Solicitándolle Lucía César Veloso ao rexedor unha xuntanza a tres bandas na procura dunha solución que evite a saída dun evento que cualifica de alto valor para a capital arousá.

Desde Ravella trasladouse onte que «en el pleno de la Corporación de ayer -polo xoves- quedó todo suficientemente claro», sen máis declaracións «si no hay novedades al respecto». No mencionado pleno o concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Miro Serén, sostivo que o goberno do que forma parte «non vai entrar nunha poxa» polo AF7, salientando o apoio prestado polo Concello ao torneo internacional alevín, non só a través dunha subvención económica directa, e pedíndolles aos grupos da oposición máis críticos co equipo de Alberto Varela, EU, Somos Maioría e o PP, que se pregunten «quen lle abriu a porta? Por que a reunión foi na delegación da Xunta en Pontevedra?», en evidente alusión ao feito de que sexa un goberno local de diferente cor política, o PP do alcalde sanxenxino Telmo Martín, quen se postule como axente do cambio de domicilio do torneo internacional.

O voceiro do AF7, Alberto Diz, empurraba onte no mesmo sentido ca Ravella e en dirección oposta ante a proposta de xuntanza do BNG. «Non temos ningunha valoración que facer», dixo onte. «Os partidos fan o que mellor cren», sinala, para mandar a pelota no tellado do goberno local de Vilagarcía: «Para falar dunha nova reunión primeiro tense que dar a circunstancia. Se iso é unha realidade, se nos chama o Concello, entón pronunciarémonos».

O alcalde no estranxeiro

Mentres tanto e, afirman no AF7, sen noticias de Ravella desde a xuntanza que haberá cousa dun mes culminou o actual punto de ruptura entre ambas as partes, os responsables do torneo internacional alevín seguen pendentes, conta Alberto Diz, de materializar un acordo firme co Concello de Sanxenxo: «Nestas semanas houbo conversas, pero non se concretaron os termos de como se vai ligar o AF7 a Sanxenxo ata o punto de anunciar nada». Unha circunstancia que Diz asocia á recente viaxe de Telmo Martín ao estranxeiro. Porque, subliña o voceiro do Arousa Fútbol 7, «Telmo sempre foi o noso interlocutor directo. Iso foi o que nos deu a medida de que a de Sanxenxo era unha aposta seria por nós».

Así as cousas, no torneo internacional alevín comentan unha semana máis que o tempo corre na contra da organización da vindeira edición, achicando os prazos para reunir o mellor cartel ao alcance da experiencia e da xestión dos seus responsables.