O BNG pide unha reunión a tres bandas co goberno local e co AF7 para buscar unha solución

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A voceira nacionalista, Lucía César, reuníuse onte co alcalde para trasladarlle que non pode deixar marchar o torneo de Vilagarcía

30 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non se pode deixar escapar un evento de tal envergadura, que ademais de potenciar o deporte base, trae consigo importantes beneficios para a nosa cidade». Esta foi a idea forza que a voceira do grupo municipal do BNG, Lucía César Veloso, lle trasladaba na mañá de onte ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, respecto do conflito aberto que manteñen a organización do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 e o goberno local a raíz da proposta do Concello de Sanxenxo que o primeiro estaría preto de aceptar para trasladar a cita deportiva tras 22 anos de historia ligada en exclusiva á capital arousá.

Lucía César Veloso mantivo a súa xuntanza con Varela con intención de comunicarlle a posición da súa formación política sobre a cuestión. Neste sentido, a nacionalista sinalaba onte a través dun comunicado de prensa que «esta guerra mediática entre ambas partes non fai máis ca prexudicar a nosa vila, xa que durante os días de celebración o Arousa Fútbol 7 pon a Vilagarcía como referente do deporte, por ser un torneo de carácter internacional».

Así as cousas, a edil do BNG pídelle ao alcalde «unha reunión a tres bandas, entre o goberno local, a organización do AF7 máis o BNG para buscar unha solución a esta polémica, en beneficio dos intereses da nosa vila».

Horas máis tarde EU e Somos Maioría interpelaron no pleno da corporación a Alberto Varela sobre a crise entre o Concello e o AF7, co rexedor sostendo que a administración local mantén as mesmas condicións e o mesmo nivel de apoio ao torneo co ano pasado. O presidente do Arousa, Manolo Abalo, intervíu na quenda de rogos e de preguntas para reiterar a postura pública do seu club contra a disputa de todo o programa do AF7 no estadio da Lomba.