O Arousa opónse radicalmente ao uso intensivo do estadio da Lomba para o AF7

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O club maniféstase en contra da reclamación do torneo internacional alevín, e predica co exemplo ubicando o Cidade Vilagarcía no Manuel Jiménez. A entidade arlequinada teme que o emprego excesivo do campo poida obrigar o seu equipo, se se clasifica, a xogar a fase de ascenso no exilio

28 nov 2018 . Actualizado a las 14:26 h.

Cando a continuidade en Vilagarcía do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 pende dun fío, cos seus responsables aparentemente convencidos do traslado da cita a Sanxenxo ante as súas fondas diferenzas co goberno local de Alberto Varela, o Arousa vén de entrar de cheo no asunto. «Como usuario principal do estadio municipal da Lomba», trasladou a última hora desta mañá o club arlequinado nun comunicado público, «considerámonos no dereito de manifestar a nosa opinión ante as noticias relacionadas co AF7 e coas súas demandas para a continuidade do torneo en Vilagarcía». Concretamente, no tocante ao uso do campo da Lomba. E co seu posicionamento, a directiva que preside Manolo Abalo semella empurrar un pouco máis o torneo internacional alevín cara aos brazos do Concello de Sanxenxo.

Afirman desde o Arousa que, «sen entrar en ningunha outra consideración, e sen ánimo de polemizar, consideramos un grave erro que se pretenda xogar no estadio da Lomba os partidos de todas as fases do torneo», como recollería a organización do Arousa Fútbol 7 no listado de necesidades que lle tería trasladado ao goberno local de Vilagarcía. Un criterio, o da entidade arlequinada, que argumenta sinalando que «o uso intensivo do terreo de xogo nun período tan curto de tempo estragaría por completo calquera campo, mesmo no caso de que non chovera, deixándoo totalmente impracticable». Unha situación que, de producirse, provocaríalle un grave prexuízo ao Arousa. E é que «sería preciso pechar o estadio da Lomba durante semanas para que o terreo de xogo puidese ser tratado e rexenerado, situación de todo indesexable para o noso club que, nas datas nas que se soe celebrar o AF7, aínda estaría inmerso na etapa final da competición oficial» da Terceira División.

E chegados a esas alturas da tempada, a directiva de Manolo Abalo declara que «non quixeramos ter que vernos na tesitura de que, como pretendemos, o Arousa se clasifique para disputar a fase de ascenso e, polo mal estado do campo, non poidamos xogar na casa e teñamos que exiliarnos a un municipio veciño. Nin nós como club, nin a nosa afección queremos chegar a isto».

Postos a entrar no debate, e subliñando que «dende o Arousa queremos deixar claro que non nos posicionamos en contra de nada nin de ninguén, simplemente a favor dos intereses do noso club», a entidade arlequinada non se limita a predicar. Tamén dá trigo. Aplicando o que pide para o AF7 ao seu propio torneo, o Cidade Vilagarcía, con categorías benxamín e alevín, que o vindeiro ano manterá a súa habitual ubicación en xuño, desta volta a comezos de mes, reunindo a arredor de medio cento de equipos de España e de Portugal. «Como a calquera que organiza un evento destas características, o noso desexo é que o torneo luza co seu máximo esplendor, e máis aínda se é na ‘nosa propia casa’», para engadir desde as oficinas anexas ao estadio da Lomba un «pero non a costa de todo».

Así as cousas, «conscientes de que o campo da Lomba non pode soportar tantas horas de xogo seguidas [...] sendo consecuentes co que pensamos, nós mesmos decantámonos por xogar o Cidade Vilagarcía no Manuel Jiménez, que aínda non sendo de herba natural, cumpre con todos os requisitos de calidade e de comodidade». E, defenden no Arousa, «se para nós é válido, entendemos que debería selo para todos».

Beneficio para todos

A directiva de Manolo Abalo quixo pechar o seu comunicado público partindo unha lanza a prol dunha solución pactada entre todas as partes implicadas na polémica sobre a continuidade ou a marcha do AF7 de Vilagarcía. «Esperando que se tome en consideración» o seu criterio, o club arlequinado agarda «que a razón prevaleza, e que se chegue a un entendemento que beneficie a todos os implicados por igual».