O Arousa espera coa garda alta a un Boiro que «pode rexurdir en calquera momento»

Rafa Sáez perde a Iago Martínez, pero recupera a Carlos Torrado


vilagarcía / la voz

Arousa e Boiro están citados esta tarde a partir das cinco sobre o céspede do estadio da Lomba na decimoterceira xornada de Liga da Terceira División. Fano co regreso de ambos os dous equipos aos seus roles tradicionais ata que na presente década a figura de David Places e a inxección económica que trouxo consigo ás oficinas de Barraña situaron o cadro barbancés entre os novos ricos do balompé modesto galego. Con Changui na dobre función de presidente e de punta do equipo, o Boiro comeza a penar os seus excesos, cunha débeda desorbitada tras o capricho dos seus ata o pasado verán directivos de xogar na Segunda División B. Xa cos pés no chan, o cadro da Barbanza visita o Arousa mirando o seu anfitrión a 8 puntos e seis postos de altura.

Por proxecto, por recursos humanos, por traxectorias, e por fútbol, o Arousa parte hoxe coma claro favorito a comezar a exprimir o calendario que lle resta ata o final da primeira volta, unha vez resoltos os seus duelos cos outros cinco equipos nas seis primeiras prazas da clasificación. Con todo, o adestrador arlequinado, Rafa Sáez, alerta os seus homes da necesidade de manter a garda alta ante a visita dun Boiro «con dúas versións», di. «A do principio da tempada, moi boa, derrotando a equipos coma o Laracha, o Somozas ou o Ourense C.F. E unha última, cunha xeira de resultados negativos, de catro derrotas, e cun empate a semana pasada moi válido fronte ao Compos». Así as cousas, «o que quero dicir é que o Boiro pode rexurdir en calquera momento», subliña o técnico pontevedrés, que comenta a mestura de homes de calidade na dianteira, coma Óscar La Magia ou Changui, e no centro da zaga, con Outeiral e con Cardeñosa, ademais de xogadores que manexan ben o balón mo centro do campo, caso de Manú e de Ángel, complementados con futbolistas novos.

O Arousa chega ao choque motivado para tentar aproveitar o calendario ata fin de ano véndose quinto a nada da zona de promoción, e con todos os seus efectivos dispoñibles, agás Iago Martínez. O central zurdo, que se asentara no once titular nas últimas semanas, sufríu o xoves unha escordadura leve de nocello. Rafa Sáez recupera pola contra a Torrado, ausente tres xornadas por unha mononucleose cando parecía un dos xogadores máis en forma da Liga. Javi Acuña, Trapero e Batallón son os descartes de Rafa Sáez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O Arousa espera coa garda alta a un Boiro que «pode rexurdir en calquera momento»