O Arousa coroa o seu Tourmalet amosando costuras de candidato ao podio nos Campos Elíseos

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VíFER

Pese a sumar tan só 4 dos 15 puntos nos seus duelos cos outros seis primeiros clasificados, os de Sáez consolídanse no vagón de cabeza da Liga

13 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quixo o calendario poñer a proba as calidades do Arousa como candidato a unha das catro prazas galegas na vindeira fase de ascenso á Segunda División B no segundo terzo da primeira volta. No mes de outubro o equipo de Rafa Sáez encadeou cadanseu compromiso co hoxe segundo clasificado e defensor do título galego da Terceira División, o Compostela, en San Lázaro (1-2), para recibir nun prazo de oito días o líder en solitario, o Bergantiños (0-2), e o sexto, o Racing de Ferrol (0-1), e rematar visitando ao cuarto na táboa, a U. D. Ourense (1-1). Un mes da máxima esixencia que tivo o seu epílogo o pasado domingo no Campo de Calabagueiros, con derrota final ante o hoxe terceiro, C. D. Barco (3-2). Foron, pois, tan só 4 os puntos sumados polo conxunto arlequinado dos 15 en xogo diante dos seus nestes momentos rivais directos no vagón de cabeza da Liga; os únicos seis equipos xunto co Laracha quen de ter acadado polo menos 20 puntos logo das doce primeiras xornadas de competición. Con este dato na man, cun quinto posto na clasificación como reflexo e, o que é case que máis importante a estas alturas do curso, dadas as sensacións emanadas do seu fútbol, o Arousa vén de completar o seu particular Tourmalet coa seguridade que dá verse ao nivel dos mellores na alta montaña, cedendo diferenzas perfectamente recuperables no longo camiño que resta inda ata a fotografía do podio nos particulares Campos Elíseos do grupo galego da Terceira.

A tiro de 1 a 2 puntos da fase

Chegaba o Arousa ao seu enfrontamento da sétima xornada de Liga en San Lázaro co Compostela segundo na táboa con 15 puntos, a tan só un do líder Bergantiños. Hoxe, media ducia de xornadas despois, o equipo de Rafa Sáez ocupa o quinto posto con 22 puntos, 6 por debaixo dun Bergantiños que segue a ocupar o primeiro posto, pero a tan só 2 do Compostela e do Barco, e a un da U. D. Ourense. No caso dos dous últimos conxuntos enumerados, cun partido menos completado nestes momentos.

Por diante, e ata a conclusión da primeira volta, o 13 de xaneiro, o Arousa recibirá o Boiro (11.ºclasificado, este domingo, ás 17 horas), Arenteiro (8.º), Racing Vilalbés (19.º) e Somozas (15.º), desprazándose aos campos do Choco (10.º), do Laracha (7.º) e do Ribadumia (12.º).

«A nivel de puntos, 4 de 15, seguramente agardabamos algo máis. Pero hai que valorar as circunstancias nas que xogamos», comentaba onte o técnico arlequinado. «Cando tivemos a oportunidade de xogar con todos os efectivos demos a cara, co Compos, co Ferrol sen ser todos, co Barco», engade Rafa Sáez, que sinala ademais que «agás o día do Bergantiños, que foi superior, no resto o Arousa estivo ao nivel dos seus adversarios». Así as cousas, «vernos aí na quinta posición, a 2 puntos do segundo, fainos crer que podemos recuperar terreo» a curto e a medio prazo, entende o adestrador. De aí que «as sensacións» tras o Tourmalet son, sentenza, «positivas».