Sáez: «Só pensamos en gañar para que a afección saia contenta»

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VíFER

O adestrador do Arousa salienta a importancia do triunfo sobre o Porriño, e de non deixarlle o balón a un rival que vive da posesión

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para nós o partido co Porriño é a ocasión para superar a dinámica perdedora na casa» tras as derrotas co líder Bergantiños e co Racing de Ferrol, «e logo do bo partido que fixemos coa U.D. Ourense, para multiplicar esas sensacións e o empate». Rafa Sáez dáballe onte un valor relevante ao encontro de mañá domingo na Lomba, que máis dun podería considerar peza menor, por canto figura entre os catro duelos encadeados co Compostela e cos tres rivais directos pola fase de ascenso apuntados, e o que a vindeira semana levará o cadro arlequinado ao campo do Barco, hoxe segundo clasificado na Liga.

Pola contra, o adestrador do Arousa salienta a importancia de saldar con 3 puntos o choque co cuarto clasificado pola cola da táboa. E iso, porque «temos que empezar a facer da Lomba un fortín», sabedor de que a inmensa maioría dos conxuntos que acceden a unha fase de ascenso a Segunda División B están obrigados a asentar as súas posicións de forza sobre un campo propio blindado.

Á cuestión meramente clasificatoria suma Rafa Sáez a anímica. E non xa no tocante aos homes que compoñen o seu vestiario, senón de cara ao seareiro arlequinado: «Só estamos pensando en gañarlle ao Porriño para que a xente, que está a ser fantástica connosco, ateigando as gradas da Lomba, saia contenta ás súas casas».

Con Torrado como única baixa, e con Pablo González e con Manu Rodríguez regresando a unha convocatoria da que se caen Batallón e Trapero, xunto con Acuña, Rafa Sáez advirte da calidade do Porriño co balón: «Trátase dun equipo cunha identidade propia que lle dá o seu técnico, que xoga combinativo e trata de ter sempre o balón; que se defende co balón, a súa mellor arma defensiva».