O submarino arlequinado apunta os torpedos á quilla do acoirazado Ferrol

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Un triunfo do Arousa hoxe provocaría unha profunda fenda na liña de flotación dun Racing 6 puntos por debaixo e sen vitoria como foráneo

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Disque o diñeiro non dá a felicidade. E polo menos ás veces éche así. E se non, que llo digan ao desde o pasado verán novo accionista maioritario do Racing de Ferrol S. A. D. A firma Élite Gestión y Administración, relevo da familia Silveira na xestión do histórico club do fútbol galego, que a bo seguro estará moi pendente do que aconteza esta tarde (18 horas) no Campo Municipal da Lomba no partido que enfronta o conxunto departamental co anfitrión Arousa. E é que o duelo de hoxe está chamado a marcar un punto de inflexión na traxectoria do rival do conxunto vilagarcián. Un proxecto construído sobre un curto cadro con todos os seus 17 futbolistas agás un con ampla experiencia na Segunda División, Segunda División B e mesmo, no caso de Seoane, na Primeira. Un acoirazado que saía a mediados de agosto do peirao da Terceira División na procura do pronto regreso ao seu porto base, na categoría de bronce do fútbol español. Un coloso que está a padecer os males da mítica Armada Invencible, sufrindo cuantiosos danos nas oito primeiras xornadas da Liga, nas que deixou a metade dos puntos en xogo; a maioría, contra elementos que non figuraban entre os accidentes dos que se precaver na súa carta de navegación (Céltiga, 3-3 na Malata; Alondras, 0-0 en Cangas; Paiosaco, 2-1).

Décimo na clasificación con 12 puntos, o Racing ve o Arousa, segundo na táboa, a 6 puntos de distancia, coa U. D. Ourense, cuarta pechando provisionalmente a zona de promoción de ascenso, a 5 e cun partido menos contabilizado. Así as cousas, o submarino arlequinado está en disposición de torpedear a liña de flotación do navío ferrolán.

Un triunfo do Arousa hoxe provocaría unha profunda vía de auga no Racing. E non só xa polos 9 puntos aos que se iría a diferenza entre ambos, senón por disolver os aires de esperanza insuflados entre a súa parroquia polo equipo que dirixe o zaragozano Emilio Larraz, tras a brillante actuación do seu colectivo hai sete días cun auténtico baile de xogo ao Compostela pese ao 0-0 final. A Lomba é a segunda meta volante no Tourmalet que o calendario lle impuxo ao Racing desde a semana pasada e durante un mes.

De feito, ao Arousa bastaríalle hoxe cun empate para colaborar no torpedeo do proxecto máis ambicioso do grupo galego da Terceira. Non en van, o Racing non pode permitirse xa, e nese senso se manifestaba o venres o seu propio adestrador, pasar unha xornada máis sen inaugurar o seu casilleiro de triunfos a domicilio, logo de encaixar un humillante 4-0 na xornada inaugural nas Somozas, non pasar do empate sen goles no campo do Alondras e caer co Paiosaco.

Con Pablo Rey de volta, o técnico do Racing de Ferrol atópase cun Arousa sen o sancionado Manu Rodríguez nin un dos homes máis en forma da Liga, Carlos Torrado. Rafa Sáez deixou para hoxe a elección dos seus dous descartes, sen desvelar quen cubrirá a baixa de Manu Rodríguez na medular -Mou ou Trapero- e a de Carlos Torrado no lateral esquerdo -Suso, Batallón ou Iago Martínez-, quedando pendente de ver se tamén procede a un troco no debuxo do seu sistema.

A directiva do Arousa confía noutra grande entrada, como a de sete días atrás fronte ao líder Bergantiños. Rafa Sáez agardaba onte que o factor campo, con máis dun milleiro de seareiros locais animando os seus homes a semana pasada, sume no lado vilagarcián da balanza fronte a un Racing co que se mide en Liga por primeira vez en 24 anos. Concretamente, desde o 20 de febreiro de 1994, con triunfo 2-0 para o Arousa na xornada 25 da súa última tempada na Segunda División B.