Vilagarcía reunirá a máis de 600 taekuondistas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O Olimpic organizará o día 28 un torneo provincial e o Galego de Exhibición Sénior

17 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O ximnasio Olimpic de Vilagarcía anunciou onte que o vindeiro día 28 organizará dúas citas nas que congregará a máis de 600 deportistas. Trátase da fase provincial da Copa Deputación de Técnica, se non a que máis, si unha das citas con maior afluencia de taekuondistas da comunidade. E ese mesmo día, a media mañá, o Campionato Galego de Exhibición Absoluto. En ambos casos no Pavillón de Fontecarmoa.

O director técnico do Olimpic, Miguel Ángel Cuevas, subliñaba onte que «o espectáculo estará asegurado» o día 28, por canto «poderemos ver rompementos de máxima dificultade e cabriolas de todo tipo». Ao mesmo tempo Cuevas puxo de manifesto o valor que para Vilagarcía ten contar con dúas citas como as sinaladas, tanto pola cantidade de deportistas e de acompañantes que acudirán á capital arousá o último domingo do mes, como pola calidade da cita autonómica.

No tocante á actualidade máis inmediata, o Olimpic vén de participar a pasada fin de semana na decimoitava edición do Campionato Internacional Ciudad de Ribeira, con 700 participantes entre todas as modalidades do taekuondo de competición.

O sábado, nos cadros de competición de combate, Dafne Piñeiro Ballesteros colgouse a prata en Infantil Peso Mosca, e o domingo o Olimpic acadou unha decena de medallas na modalidade de técnica, con títulos dos xuvenís Cristina Pintos Rey e Marcos Mera Barcala, e da cadete Sara Fernández Canosa; cunha prata de Aroa Gutiérrez Vidal en freestyle e o bronce do equipo infantil de exhibición.