«A utilidade privada do encoro non é lexítima porque arruinou un río»
VILAGARCÍA DE AROUSA
Sostén que a solución para a eutrofización da presa de Caldas pasa por serrar o formigón do muro polo centro
14 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Custou e moito convencer a Paloma Fernández Nogueira (Vilagarcía, 1957) para facer esta entrevista. A que foi durante anos voceira da Coordinadora AntiEncoro do Umia e unha das caras máis coñecidas da loita contra a presa leva tempo nun segundo plano. A situación do encoro, en alerta pola alga tóxica Microcystis desde o 6 de xullo, reactivou un movemento veciñal que seguía latente nos tres concellos.
-A coordinadora acaba de remitir unha carta ao presidente da Xunta para que interveña. ¿Por que dan este paso agora?
-Tomamos esta decisión porque isto é unha repetición do que sucedeu no 2006. É bo recordar que a existencia da Microcystis denunciámola nós. Non foi Augas de Galicia. En Caldas chegou a estar cortada a auga con subministro con cisternas. Iso foi no 2006. Estamos no 2018. En todo este tempo ninguén fixo nada nin Augas, nin as xefaturas territoriais nin as autoridades locais.
-Din que non lles vale outra persoa que non sexa Núñez Feijoo para tratar o tema...
-Hai que dar unha solución. Cando denunciamos a existencia da Microcystis, xa naquel informe dun experto, se dicía que ía ir a máis. Hai unha evolución e non se adoptou ningunha medida. Estivemos no seu día con Augas de Galicia, o delegado territorial da Xunta foi un gran defensor do proxecto desde a Mancomunidade de Salnés [Cores Tourís] e nós non imos falar con outra persoa.
-¿É un problema de saúde pública?
-Ademais de que a auga é un ben escaso, hai obriga de protexer os recursos naturais. ¿Que sucede? Se este encoro fora de utilidade pública ou a houbera aínda poderiamos ver cómo se facía. Pero é que non hai ningunha, hai unha utilidade privada e que neste caso non é lexítima porque faise a costa de arruinar un río e poñelo ao servizo dun negocio. É algo inadmisible. Aquí alguén ten que dicir ‘Imos emendar isto’. E nós pensamos que ten que ser o presidente da Xunta.
-¿Cal é a solución para o Umia?
-Dada esta situación, a grandes males grandes remedios. Nós trouxemos aquí ao profesor Martínez Gil, catedrático de Hidrobioloxía, unha autoridade no tema no Plan Hidrolóxico, e el o que dixo é que se pode deixar perfectamente o muro. Hai que liberar o río, el é técnico e dixo que non é custoso. Por dicilo en palabras que se entendan, habería que serrar o formigón polo centro. Non é máis que iso, non se pode demoler nada porque sería outro atentado a maiores do que hai. Iso foi o que nos dixeron a pé de presa e había unha enxeñeira da Universidade de Murcia. Parece ser que non sería nin necesario baleirar a presa.
-¿Coñécense os efectos da cianobacteria?
-Hai cousas que non son traducibles economicamente. Tes que dar unha auga que se poida tomar e non podes poñer en perigo a ninguén. A xente de Caldas hoxe non usa a auga para beber e para outras cousas a usa con precaución. Eu non a usaría e a xente do meu contorno tampouco. E outra xente a usa porque non ten alternativa. A cianobacteria é hepatotóxica, pode afectar ao fígado e ten efectos acumulativos a longo prazo. É o que din os expertos, non o digo eu. A Xunta non recomenda o baño, ¿por que é? Será porque a auga do río ten algo. O que dicimos nós é que en 1998 a Xunta dicía que a calidade da auga do río era boa ou moi boa. Hoxe xa non é boa, é tóxica.
-O 17 de abril do 2018 cumpríronse vinte anos do inicio das obras do encoro. Houbo moitos sinsabores. ¿Con que se queda no positivo?
-Os vellos sempre nos dicían que as amizades se coñecen nos momentos difíciles. Todos aqueles, algúns non están porque morreron, outras persoas non aguantaron o tirón porque houbo momentos moi duros de cargas no levantamento de actas en Grixó e en xuízos... Como nos trataba a Fiscalía, o avogado do Estado... Foi duro, pero fixo que coas persoas que o viviron e o sufriron contigo haxa un vínculo. É o que temos. Fixemos un grupo de amizades, algúns están fóra, pero seguimos en contacto. É parecido a ter un irmán aí. É moi emocionante tamén que persoas que sen coñecerte cando viaxamos a Madrid ou a Zaragoza porque saben moito disto e te miman. Agora no Nadal chegarán felicitacións. Iso é moi bonito e a única gratificación.
«Moitos dos que me acusaban vanse xubilar no cargo»
Paloma Fernández ten claro que a loita dos veciños dos tres concellos tivo máis recoñecemento fóra de Galicia que na terra.
-A Fundación Nueva Cultura del Agua recoñeceu no 2004 o labor da coordinadora. Dicía vostede que mentres lles daban paus, outros valoraban a súa loita...
-Eran outros tempos e sinto non ter gravacións de aquilo. Esa fundación que está composta por xente da universidade, da Politécnica de Cataluña e de Zaragoza, tiña medios e aquel recoñecemento en Jaca, que se personalizou en min, pero que foi colectivo, foi moi emocionante. Contactaran con xente para que lles falara de min. Estaba José Antonio Labordeta... Foi unha viaxe longa e recordo que me dicía Pedro Arrojo ‘Tes que pensar que isto é unha compensación polos paus que estás levando’.
-A vostede se lle acusou de querer facer carreira política a costa do encoro. Foi concelleira do BNG, pero leva anos apartada da vida pública. ¿Por que?
-Fun concelleira seis anos e deixeino porque naquel momento tiña ao meu pai moi maliño. Xa non volvín, non tiña aspiración política e sábeo a persoa que me propuxo encabezar a lista. Pero moitos dos que me acusaban seguen e vanse xubilar no cargo.
-¿Ao final o tempo pon a cada un no seu sitio?
-Neste caso si. Nos primeiros tempos do encoro falábase de postos de traballo e dun turismo brutal con novas instalacións. Aquel estudo de impacto ambiental que se refería a Puebla de Guzmán (Huelva), eu cheguei a falar co seu alcalde e me mandou o tocho, denunciámolo e non entendo como non prosperou... Foi demencial. No informe de Marcos González aludíase ao mexillón de río, unha especie endémica que había que protexer, agora no Umia non hai nada. Nunha conversa me dixeron que este era o proxecto de Fenosa do 73, un proxecto franquista, pero máis pequeno. Díaz Fierros díxonos que o primeiro decreto non falaba de aproveitamento hidroeléctrico, só de abastecemento de auga, pero que polo seu deseño era para aproveitamento.
«Votei en contra do canon porque era recoñecer que isto estaba mal, pero te calo con cartos»
A voceira da coordinadora lembra como unha loita cidadá que empezou unida acabou de forma moi distinta.
-¿Por que se implicaron os veciños?
-Tivemos claro que se podía loitar contra iso cando soubemos que era para aproveitamento hidroeléctrico. Naquel momento custou moito que a xente nos crera. Eu que ía medrar politicamente, os outros que estaban en contra do progreso...
-Este verán a situación do encoro agravouse. Moitos recordaron o paseo en zódiac do 2001 dos tres alcaldes de entón co conselleiro Cuíña. ¿Que tería pasado se os alcaldes foran outros?
-Non se tería feito a obra. Os alcaldes empezaron a negociar con Cuíña e non nolo dixeron a nós. Inicialmente estabamos todos xuntos. Hai fotografías das roldas de prensa dos alcaldes con nós nun hotel de Pontevedra.
-¿Cando deixaron de ir xuntos?
-No momento en que a Xunta recorreu ao Supremo e tiñamos un auto de paralización. A alguén se lle ocorreu dicir que era para acabar coas enchentes, entre que colou, entre que empezaron a falar cos alcaldes do canon do encoro...
-¿Cuíña comprou aos alcaldes con investimentos?
-Nin sequera iso, entón eran máis inxenuos aínda. A min cando me din, ¿volverías facelo? Se non empezase non, pero se empezo e vives o que vives vas ata o final e despois de vinte anos estamos aquí. ¿Por que? Porque che doe o río, as mentiras que se dixeron, a prepotencia.... A min chegaron a visitarme na miña casa dous cargos da Garda Civil, e eu entendino coma unha coacción para asustarme...
-¿Perderon saúde cunha loita tan longa e intensa?
-Todos tivemos momentos de pasar medo, angustia... Cando foi a carga de Samuel [Fariña], cando tivemos que ir a xuízos de faltas e nos trataban como delincuentes. Pagamos algunha multa pero nunca nos condenaron porque non puideron demostrar nada. Iso é moi triste. Cando foi o levantamento de actas tiven un accidente porque me rodearon todos aqueles antidisturbios, xa marcharan os compañeiros. Púxose comigo unha persoa de Caldas, o capitán, que estivo ao meu lado. Ou estás ou non estás, había que facelo. Eu díxenllo a todos eles e eu estando no Concello votei en contra do canon, porque me parece que iso é recoñecer que isto está mal, pero te calo a boca con cartos. E o corpo non me admitía outra cousa.