Diego Portela descolga o remo para seguir a Truco a Vilaxoán

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O que foi remeiro, adestrador e presidente do Amegrove, e mandatario da Liga deixa dous anos de retiro para acompañar o seu amigo á traíña vilagarciá. O grovense deberá perder 35 quilos en oito meses para recuperar a forma esixida pola LGT

11 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Liáronme. Agora, a ver ata onde chego». Diego Portela confirmaba onte a súa presenza no grupo de remeiros cos que a partir do vindeiro luns o seu bo amigo José Ángel Cambados, Truco, comezará o seu primeiro proxecto á fronte da traíña do C.R. Cuca-Vilaxoán. Despois de dous anos de retiro forzado pola súa intensa actividade profesional, como empresario bateeiro e tamén dunha orquestra, Diego Portela cumpríu coa súa condición de home de palabra, e con 42 anos, e completamente fóra de forma, retoma a actividade deportiva con vistas a un longo e duro inverno de traballo sen sequera a seguridade de verse finalmente competindo na Liga Galega de Traíñas o vindeiro verán.

 

«Este verán Truco e mais eu pasamos moito tempo xuntos. Iamos xuntos a ver as regatas» con ambos sen equipo, lembraba onte Portela. «Un día, de canchondeo, díxenlle ‘se volves adestrar, eu volvo contigo’». E tras o compromiso do adestrador co C.R. Vilaxoán, Diego sentíuse na obriga de acompañalo.

Iniciado no mundo do remo con 9 anos, desde entón e ata o seu retiro no outono do 2016 o novo remeiro da traíña vilagarciá competíu sen máis descanso que un par de tempadas a mediados da última década do pasado século. Un parón que deu paso a 20 anos ininterrumpidos como remeiro que arrincaron cun bronce na primeira participación do Amegrove nun Campionato de España de Traíñas, en 1996. No club mexilloeiro gañou catro ligas, as tres primeiras, 2010, 2011 e 2012, sentado na bancada con Truco como técnico, e a última, a do 2015, compaxinando o propio Portela un oco na traíña e a súa dirección. Presidente do club tres anos, e outros tantos da Liga Galega de Traíñas a comezos da presente década, o malestar xerado entre parte dos cooperativistas de Amegrove pola súa emancipación da asociación de produtores para montar unha empresa propia do sector bateeiro levou á saída de Diego do club da súa vida, recalando no 2016 en Rianxo. No seu único ano de traballo, como adestrador, na outra banda da ría fixo o seu segundo club campión da LGT-B, ascendéndoo á máxima categoría.

Portela, que ficha polo Vilaxoán xunto co tamén grovense Adrián Boleiro, desvelou que «teño que adelgazar 35 quilos en oito meses. Agora mesmo peso 125, e cando remaba estaba en 93». E se ben comenta que «a min me vai custar moito, son moi testán. No 96 baixei de 122 a 98 quilos».