«Coa nosa música debemos facer o mesmo que co Camiño; situar Galicia no mapa»

VILAGARCÍA DE AROUSA

cedida

A lucidez de Luar na Lubre, o grupo lendario que lidera Bieito Romero, resoará mañá en Vilagarcía con «Ribeira Sacra»

10 oct 2018 . Actualizado a las 09:30 h.

Mañá, xoves • 20.30 horas • A partir de 12 euros • Auditorio de Vilagarcía • A máis internacional das formacións galegas de música celta e tradicional chega a Vilagarcía con «Ribeira Sacra», o seu traballo máis recente. Mike Oldfield puido botar unha man no seu día con «O Son Do Ar», pero unha traxectoria de 32 anos e 18 discos non se sostén con rendas. O grupo de Bieito Romero mantén intacta a súa capacidade de sorprender ao seu público.

-Soa a disco conceptual.

-Si, é un disco conceptual inspirado na Ribeira Sacra, unha comarca moi ampla. Logo de moito traballo, a información foise amoreando e tivemos que centrarnos na parte de Ourense, que é onde teño eu as miñas raíces. Na Ribeira Sacra ourensá.

-Recolledes mesmo os sons daquelas terras, intercalándoos entre as cancións.

-Así é. O que tratamos é de encadrar a xente nese contexto, metela nos ambientes que nós percibimos alá. Hai gravacións que van dende un amencer en San Pedro de Rocas ao son dun carro tradicional, pasando pola muiñeira tocada coas campás da igrexa de Esgos ou o crepitar do lume nunha chouriceira nos días de matanza. Buscamos que a xente entenda un pouco mellor a música a través desta sonoridade.

-Non faltan, tampouco, potentes colaboracións. Esa versión de «Greensleeves» coa voz de Víctor Manuel...

-Si. Hai quen atribúe a canción a Henrique VIII, que en todo caso baseouse nunha melodía tradicional e disque escribira a letra para Ana Bolena. Nós levámola ao noso terreo, empregando este tema tan próximo á nosa música cun poema de Augusto Casas Blanco, moi bonito, dedicado aos afiadores. O meu avó e o meu bisavó eran afiadores. Temos tamén a colaboración de Xoán e Carlos, de Astarot, da Coral de Ruada, unha das máis prestixiosas que temos en Galicia. Está Sés, que xa colaborara en «Mar Maior». Marisa Valle Roso, a cantante asturiana...

-¿Esas raíces explican a letra en barallete dun dos temas? ¿Controlas a fala?

-Controlo, controlo. O meu pai e o meu avó falábana, e moitas das súas palabras quedaron na casa. É unha xerga moi interesante, con máis de dous mil vocablos que case a converten nun idioma. É impresionante o que currou aquela xente para crear semellante ferramenta, que nin sequera comprendían no seu entorno. É tamén unha reivindicación. O barallete perdeu valor, porque os oficios están en desuso, pero sería interesante non deixalo morrer.

-En poucas semanas dades o salto a Sudamérica e fixestes xa unha chea de datas fóra.

-O que tratamos é de levar Galicia polo mundo dende a nosa óptica. Son máis de 35 países polo mundo e máis de 1.500 concertos.

-E existe aí fóra unha noción clara de Galicia? Algo que se identifique coa marca Galicia?

-Non temos marca propia aquí, como a imos ter fóra? É un tema que traballar colectivamente para conseguir o que a música irlandesa ou a nórdica. Hai moitos lugares nos que se traballa dun xeito moito más profesional. Eses proxectos e esas marcas funcionan, pero a nosa non está á altura, non nos vendemos adecuadamente. Temos materia e talento, dúas plataformas importantes, coma o idioma e a lusofonía, e a celticidade, que non estamos sabendo aproveitar... Xa non entro nas institucións, que está claro, pero a partir de aí hai que autoinculparse por non facer a cousa como é debido. O Camiño de Santiago situou Galicia no mapa, iso fíxose ben. Coa música púidose facer tamén.

-Os tempos son chegados, pero non chegan.

-Digamos que os tempos non dan chegado.

-Mentres, temos o concerto de mañá. Que podemos agardar en Vilagarcía?

-Un percorrido pola música de «Ribeira Sacra», no que hai moitas músicas, moitas historias, combinado cos nosos clásicos e algunha sorpresa. Un bo e longo concerto, dunhas dúas horas e media.