O Cambados T.M. vela armas ante o seu histórico debú como local na Superdivisión

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O seu veciño Vilagarcía T.M. presenta o seu plantel en sociedade, e anuncia que esta tempada tamén contará cun equipo feminino

06 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, ás dez e media da mañá, o Cambados Tenis de Mesa escribirá outra nota de ouro nos seus 40 anos de historia. Despois de debutar oito días atrás como equipo da Superdivisión cunha visita ao Vincios de Gondomar, con derrota 4-2, o equipo que dirixe Ñajo Padín xogará o primeiro encontro do club na máxima categoría do tenis de mesa español en calidade de local. E faráo, ademais, cambiando o seu tradicional escenario de xogo, o afastado e austero pavillón do colexio de San Tomé, polo máis moderno e equipado Pavillón Municipal do Pombal. Un troco de local de xogo obrigado pola normativa da Real Federación Española de Tenis de Mesa, que non aceptaba o recinto deportivo escolar por non cumprir os mínimos en aspectos técnicos como a iluminación.

Como rival en tan magna ocasión, o Visit Pontevedra, ou o que é o mesmo, o Monteporreiro. Un equipo intimamente ligado ao Cambados T.M., por canto foi o seu compañeiro de ascenso a pasada primavera, co Visit Pontevedra exercendo de anfitrión da fase de ascenso.

O canteirán Fernando Padín e o ruso Stepan Shaposhnikov repiten na convocatoria de Ñajo Padín, que tras ter que suplir a semana anterior a súa ausencia co murciano Javier Soria, pode por fin dispoñer do alemán de orixe chinesa Qiu Liang, fichaxe estrela do Cambados T.M. para reunir un plantel con opcións de pelexar a permanencia.

 

Chamamento aos veciños

Conseguir a salvación pasa por saír airoso dos duelos directos con equipos como o Visit Pontevedra, comentaba onte o adestrador do equipo arousán, que inclúe tamén de partida no grupo de rivais da zona baixa o Universidad de Burgos e o Híspalis. Dada a trascendencia histórica do encontro, desde o Cambados T.M. anímase os seus veciños a arroupar mañá o equipo no Pavillón do Pombal.

Presentación dun Vilagarcía T.M. que tamén contará cun equipo feminino

O presidente do Vilagarcía T.M, Antonio Castro, presentou onte nun acto público a parte do plantel co que o club empezou competir por segunda tempada consecutiva na Superdivisión. Dúas horas antes do inicio do segundo partido de Liga -en xogo ao peche desta edición- no pavillón da rúa Castelao fronte ao Universidad de Burgos, o español de orixe cubana Renier Cabezas posou por primeira vez para as cámaras da prensa local xunto co eterno Sergei Nigeruk e os dous xuvenís que complementan o plantel, Pedro Castro e Marcelo Recuna.

Antonio Castro agradeceu o apoio dos micropatrocinios de varias firmas que fan posible xogar na Superdivisión, desvelando a carón do concelleiro de Deportes, Miro Serén, a recente concesión dunha escola municipal de tenis de mesa ao club, e tamén a inmenente entrada en competición do primeiro equipo feminino de tenis de mesa da capital arousá en moitos anos, algo que «nos hace mucha ilusión», dixo Castro.