A única vitoria en Liga do Arousa no campo do Compos, a piques dos 44

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

Fútbol O equipo arlequinado derrotou 1-2 o santiagués no vello estadio de Santa Isabel o 3 de novembro de 1974, perdendo 14 dos seus 19 duelos de Liga a domicilio

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa terá na tarde do domingo a súa primeira proba de fogo da tempada. Co primeiro enfrontamento cun dos seus rivais directos polas catro prazas con dereito a disputar a vindeira fase de ascenso a Segunda División B. Unha visita ao Compostela, terceiro na táboa clasificatoria cos mesmos 15 puntos en seis partidos co cadro arlequinado, ambos a tiro dun do líder Bergantiños. Se o valor extra dos tres puntos en xogo é, pois, máis ca evidente, a historia concédelle a este choque un plus engadido, cun premio a maiores para o conxunto que dirixe Rafa Sáez de gañar desta volta en San Lázaro.

E é que de facelo, o Arousa pasará a rexistrar o segundo triunfo na historia do club no feudo do Compostela en partido oficial. Un capítulo estatístico que recolle ata o momento un total de 19 enfrontamentos, cun desolador balance para o bando arlequinado, con case catro goles encaixados por cada tanto vilagarcián (41 fronte a 11) sustanciados en catorce derrotas, catro empates, e tan só unha vitoria visitante a piques de cumprir nada menos ca 44 anos.

O 3 de novembro de 1974, no vello Campo de Santa Isabel, o Arousa facíase cun 1-2 cos entón dous puntos en xogo na novena xornada de Liga da Preferente. Unha categoría esta equivalente á actual Terceira División. Un triunfo que lle poñía o peche á cadea de oito derrotas que o cadro de Vilagarcía acumulaba nos seus outros tantos primeiros partidos oficiais no feudo compostelanista, desde o 4-1 que abría os seus duelos na tempada 1963/1964. Cun 5-0 na 1968/1969 especialmente dooroso para o Arousa, no último choque na Terceira de entón antes de trasladar brevemente, no primeiro lustro da década dos 70, a súa rivalidade á Preferente.

Volvendo a aquel 3 de novembro de 1974, o equipo pontevedrés visitaba a un Compostela líder, co que xa vivía una pelexa polo título e polo ascenso na que participaron activamente tamén durante boa parte da campaña o Cambados, terceiro na clasificación final daquela tempada, o Turista e o Fabril. Tal era a expectación polo encontro, que «Santa Isabel registró una gran entrada con múltiple presencia de aficionados arlequinados muchos de los cuales, ante el caos de tráfico, se perdieron el primer tanto obtenido a los 3 minutos por Chenel de un excelente disparo desde fuera del área» poñendo en vantaxe o Arousa, recolle Javier Bouzada no seu volume sobre os primeiros 60 anos de historia do club vilagarcián. O dianteiro centro local Rafael, «en un remate acrobático con el pie ante el que nada pudo hacer Castellanos», reestableceu o empate no 38, pero Carolo I facía xustiza a 5 minutos do final do partido peiteando coa testa un saque de córner e «desatando la euforia en la afición» arousista, dise na obra de Bouzada. Á semana seguinte o equipo da Lomba acabou de destronar o Compos do liderado, coa vitoria do primeiro sobre o Celanova 2-1 e a derrota santiaguesa en Carballo. Sete días despois debutaba co Arousa un central xuvenil de nome Manolo Jiménez. E aos seis meses, en Cangas, cun empate sen goles selaba o equipo arlequinado un dos episodios máis gloriosos da súa historia, o ascenso como campión de Liga a unha Terceira equivalente á Segunda B de hoxe.

Catro enfrontamentos na Terceira, e entre 1983 e 1985 tres na Segunda B, deron paso a unha longa paréntese de 31 anos sen duelos oficiais entre ambos clubes coa excepción da tempada 2008/09, con 3-0 xa en San Lázaro. O 4-0 da Liga 2016/17 e o 1-1 da pasada tempada foron os últimos episodios dunha serie que elevaría o valor da recompensa psicolóxica para o equipo de Rafa Sáez de dar gañado este domingo.