Regreso triunfal de Touriñán e Blanco

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Hai uns meses, o seu espectáculo «Somos criminais» encheu por dúas veces o auditorio; así que en outubro volven

11 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Son quen de condensar a nosa esencia nunha frase ben entonada, de facer que nos recoñezamos nas súas historias... E que sexamos capaces de rirnos coas nosas ocorrencias de pobo do noroeste peninsular. Carlos Blanco e Touriñán fan méritos dabondo para se ter convertido en dúas das personaxes máis apreciadas polo público galego. E iso ten quedado claro na xira do seu espectáculo «Somos criminais». Con esa peza, os dous artistas estiveron en Vilagarcía no mes de maio. Fixeron dous pases, e en ámbolos dous casos o auditorio encheuse ata a bandeira. Se alguén quedou con ganas de velos, terá dúas novas oportunidades o vindeiro mes de outubro. Porque daquela volverán á capital arousá. Serán o venres 5 e o sábado 6, ás oito e media da tarde. Xa saben, reserven oco na súa axenda para botar unhas boas risas.

En «Somos Criminais» Touriñán e Carlos Blanco tratan de dar resposta a preguntas que ninguén antes se atrevera a facer en voz alta. ¿Temos unha cultura criminal propia? ¿Delinquimos como galegos?. «Sempre desde a perspectiva da típica retranca galaica, os cómicos analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego», explican dende o Concello de Vilagarcía. Quizabes teñan tamén un oco para reflexionar sobre os furtivos de bañador, sobre os que falaron nunha campaña divulgativa das mariscadoras da Illa.

Advirten tamén dende Ravella que as entradas para asistir a estas dúas funcións en Vilagarcía xa se poden adquirir a través das canles habituais. Isto é, en www.ticketea.com e na billeteira telefónica 902044226. As localidades custarán, na venta anticipada, 15, 13 e 11 euros, máis custes de xestión. Os prezos serán un pouco máis elevados os días das funcións.