Iniciativa para preservar e proxectar o legado dos Campaneiros de Vilagarcía

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Os actos celebraránse no auditorio e no Salón García o próximo 6 de outubro

09 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

6 de outubro • Vilagarcía • Xosé e Ramón eran netos de campaneiro; José e Celestino, fillos de Pallamallada, un coñecido gaiteiro do Salnés. Os catro naceron para a música. Por iso, malia non saber «nin ler nin escribir unha soa nota», formaron un dos grupos de gaiteiros máis portentosos da historia da música galega. Os Campaneiros de Vilagarcía, que era o seu nome para o espectáculo, legáronnos más de oitenta pezas. Son todos eses motivos máis que suficientes para que a Asociación de Gaiteiros Galegos pensase en lles facer unha homenaxe. Unha proposta que o BNG de Vilagarcía aceptou e converteu nunha das súas esixencias para aprobar os orzamentos socialistas. Agora, achégase o momento de cumprir con ese compromiso. Será o sábado 6 de outubro. Será, claro, na capital arousá, entre o Auditorio, onde se celebrarán parte dos actos, e o Salón García, un espazo que, pola calidade da súa acústica, foi elixido como escenario para as actuacións musicais dalgúns dos mellores grupos de música tradicional da comarca.

Pero debullemos o programa, que hai moito que contar. Ás once da mañá comezará esta homenaxe a Os Campaneiros de Vilagarcía coa apertura dunha exposición composta por fotos, vídeos, instrumentos orixinais e traxes que empregaba o cuarteto que, durante boa parte do século pasado, animaron festas e romarías, e escribiron unha páxina brillante da nosa historia cultural. As doce menos cuarto, Xaquín Xesteira ofrecerá un relatorio sobre a historia deste grupo, que logo se converterá en obxecto de debate nunha mesa redonda na que estarán Xosé Ferreirós, Carlos Rei, Ramón Vázquez e Paulo Nogueira.

Pola tarde chega o tempo da música. Haberá pasarrúas polo centro de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán, a conta dos grupos Os Terribles de Arousa, Faíscas de Solobeira, Os Mecos de Ogrobe, Xirifeiros e Malveiras, que serán os mesmos que, no Salón García, interpretarán temas dos Campaneiros de Vilagarcía, que serán gravados coa esperanza de que, máis pronto que tarde, se convertan nun traballo discográfico.

Porque do que se trata é de preservar. Por iso, a Asociación de Gaiteiros Galegos, e tamén o BNG, confían en que esta homenaxe dea pé a un acto anual que permita recuperar o noso patrimonio. E que a exposición dos Campaneiros sexa a semente dunha sala permanente para proxectar cara o futuro o noso legado cultural.