Veloso: «O ano que vén volverei á Volta a tentar disputar a xeral»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Joao Fonseca Photographer

Ciclismo O de Bamio ten claro que «por un ano malo non me vai cambiar a cabeza»

16 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A clasificación xeral dunha proba ciclista non sempre reflicte o traballo e a valía amosada por quenes desfilan papel abaixo. En moitas ocasións resulta unha foto fixa completamente desenfocada. Noutras, coma no caso de Gustavo César Veloso na 80ª. Volta a Portugal, que o pasado domingo pechaba cun sétimo posto na contrarreloxio da décima etapa, e 39º. da xeral a 42 minutos e 32 segundos do seu compañeiro Raúl Alarcón, a imaxe do ciclista vilagarcián do W52-F.C. Porto resulta real a medias. Coa pegada do seu nefasto día na ascensión a Covilhá (Penhas da Saúde), o único porto de categoría especial da rolda lusa, no que se deixou a condición de aspirante ao triunfo na xeral tras perder 15 minutos e 23 segundos con Alarcón na segunda das tres vitorias de etapa do bicampión da Volta. Pero sen o reflexo do duro traballo que desde ese momento, tras a xornada de descanso, realizou Veloso como gregario de luxo entregado á causa de converter o alacantino en vencedor da Grandissima por segundo ano consecutivo.

«Fun á Volta a disputar a xeral. O primeiro día decisivo fallei; non estiven onde tiña que estar. O resto das etapas andiven ben, as sensacións que tiven foron boas», declaraba esta semana Gustavo César, que pasa uns días de descanso coa súa familia en Vilagarcía tras outro verán no que apenas tivo tempo de gozar dos seus para tentar afinar a súa posta a punto para a Volta en dúas concentracións en altura.

Sen ánimo de xustificarse, co único fin de manter o rigor e os parámetros de xustiza que o levan a valorar calquera traballo profesional polo que se lle pregunte, o de Bamio lembra para quen non seguira o día a día da Volta a Portugal que «na etapa tras a xornada de descanso tirei ata o quilómetro 140. Ao día seguinte, de 150 quilómetros, fun só 20 a roda para coller aire e preparar o equipo para a chegada a Viana», unha das máis complicadas polos seus 5 quilómetros finais de subida adoquinada. «En Braga gardeime un pouco, e traballei máis ao final, no último porto. E o penúltimo día tirei para seleccionar o grupo» de cara a facilitarlle o traballo a Alarcón no final da Nosa Señora da Graça. «Cando fas ese tipo de traballo tantos días é porque tes que estar ben», enuncia o campión da Volta no 2014 e 2015 e segundo no 2013 e no 2016.

Por todo anterior, e como o mellor coñecedor do seu corpo e, o máis importante, da súa cabeza, Gustavo César Veloso adianta que «o ano que vén», con 39 anos, «volverei á Volta a tentar disputar a xeral. Por un ano malo non me vai cambiar a cabeza».

«Non podo dicirlles aos compañeiros que traballen para min, e cando me toca, escaquearme»

«Tiña pernas para gañar unha etapa. Pero cando un está nun equipo que está a disputar a xeral, vas disputar a xeral. O primeiro é o equipo». Veloso quere deixar clara tanto unha cousa como a outra.

Quizais consciente de que, pese á súa prolixa e fértil carreira como profesional, inda haberá quen non coñeza o molde do que está feito, o vilagarcián explica que «o meu equipo sabe que podo dar. E tamén que se teño un mal ano nunha carreira como a Volta, son o primeiro que me vou poñer ao servizo dos meus compañeiros» como fixo este ano. «Eu entendo o ciclismo así, así é como me ensinaron. Gústame ser consecuente» e por iso, conclúe, «non podo dicirlles aos meus compañeiros que traballen para min, e logo, cando me toca a min facelo, escaquearme». Haberá que ver en que medida o valora o W52-F.C. Porto á hora de falar ambas partes do 2019 unha vez remate a tempada no mes de outubro.