Dous primos vilaxoaneses no triunfo de Cabo na ACT

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Diego Suárez e Anxo Martínez foron parte da tripulación coa que o barco barbanzán conseguía o pasado domingo a segunda vitoria da súa historia na hoxe denominada Liga Eusko Label. "Foi espectacular. Non hai palabras para describilo. Hondarribia enteira celebrouno connosco coma se foramos dalí", din

15 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A traíña masculina de Cabo conseguía o pasado domingo en Hondarribia un fito só a man do club barbanzán noutra única ocasión na súa historia, 14 anos atrás, curiosamente nas mesmas augas de Hondarribia nas que ondeou a bandeira de campión dunha regata puntuable para a Liga Eusko Label (ACT). O máis parecido a un título da Copa do Rei de fútbol ao que pode aspirar o remo galego fronte aos potentados xigantes vascos. E axudando a mover ese triunfante barco arousán, dous vilaxoaneses, Diego Suárez (30/IV/91), na marca de babor, e Anxo Martínez (3/V/93), no estribor 2.

«A palabra é espectacular». Así comezaba onte a recordar o vivido o pasado domingo Diego Suárez. «Saímos diante na segunda quenda, marcando o ritmo, cunhas sensacións que non foramos quen de notar ata entón na Liga. O barco ía moi solto, e cos minutos non notabamos baixón. Entón Beni -o adestrador- mandoulle polo pinganillo a Alfonso, o noso patrón, que nos exprimira, e atopámonos con que gañamos con 41 segundos a quenda». «Foi a regata perfecta, saíunos mallada», engade Anxo. E tocou unha «espera longa». Máis cando «na quenda de honra se estropearon os GPS, e só tiñamos a referencia dos pasos polas boias. Cando rematou a quenda de honra», lembra Suárez, «houbo uns 20-30 segundos de silencio ata que dixeron por megafonía que gañaramos». Entón desatouse a loucura. «O pobo estoupou. Hondarribia enteira celebrouno connosco como se foramos da casa». Anxo di que «non hai palabras para describilo. Coma Cabo, Hondarribia é un equipo de canteira, e pareciamos dous clubs irmanados».

E se a xente de Hondarribia os tratou coma se fosen os seus propios remeiros, os integrantes da traíña de Cabo foron recibidos cal campións olímpicos ao seu regreso a casa. «Agardáronnos na saída da autovía cara Boiro, e fixeron unha caravana de coches ata o club. ¡Alí había unhas 2.000 persoas, con bombas e todo!», lembran os dous vilaxoaneses.

Vivir algo así «xuntos é especial», din, porque «somos primos, colegas de toda a vida, desde que subimos á traíña levamos remando sempre xuntos, e no 2016 marchamos xuntos do Vilaxoán a Cabo» para vivir a experiencia da ACT. Titulares indiscutibles, o seu novo reto, sinalan, é clasificarse para A Concha o 30 de agosto.