Javi Nogueira e Carlos Torrado gáñanse a ficha no Arousa de Rafa Sáez

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Cos dous novos confirmados o técnico pasa a contar con 17 xogadores en nómina

07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A pretempada do Arousa entra na súa fase decisiva. Non tanto na adaptación e na rodaxe dun plantel practicamente novo, comezando polo seu adestrador, que tamén, como pola confección dun equipo que vén de ver confirmados dous novos nomes na súa nómina de efectivos, e que verá desvelados outros tantos a vindeira fin de semana.

O Arousa mediráse mañá ao Coruxo na Lomba no seu primeiro partido oficial da tempada, o correspondente á segunda rolda da Copa RFEF. Un encontro no que o técnico pontevedrés tan só poderá convocar futbolistas con ficha tramitada no primeiro plantel, ou ben a xuvenís. A intención de Rafa Sáez é a de seguir avanzando na construción do seu proxecto, co que só contará en principio con homes de Terceira División obrigado, explicou onte, a proceder a un descarte. E iso, tras chegar ás 17 fichas coa confirmación de dous dos futbolistas que levan traballando desde o inicio da pretempada por ocupar catro prazas vacantes, máis aló da do punta que o Arousa confía en conseguir co mercado da Segunda División B máis maduro, ou mesmo pechado. Así, Rafa Sáez anunciaba onte que tanto o canteirán Carlos Torrado como o interior vigués Javi Nogueira son xa xogadores do primeiro equipo arlequinado a todos os efectos.

Do primeiro, o preparador comenta que «nun plantel de 20 xogadores» como o que pretende pechar, Torrado conta co «valor engadido de poder xogar ata en catro posicións», xa que pese a ser destro, é quen de ocupar o lateral e a banda de ataque dereitas, pero tamén esquerdas. «Ten empurre, forza, e percorrido». Calidades que, recorda o técnico, xa puido aprezar o afeccionado vilagarcián a tempada pasada, na que Torrado traballou todo o curso en dinámica de primeiro equipo con Jorge Otero.

 

Quince goles na Preferente

Polo que respecta a Javi Nogueira, trátase dun Sub-23 (29/IV/1996) que vén de marcar 15 goles na anterior tempada da Preferente Sur nas filas do Alertanavia. «Pode xogar na banda esquerda ou de nove nun determinado momento», pero sobre todo, salienta Rafa Sáez, dota o Arousa dun zurdo nun posto, o de interior, ata agora cuberto en exclusiva polos destros Javi Otero e Chiqui.

O que non figura no listado de xogadores con ficha pechada do técnico arlequinado é Nacho. O canteirán que saíra cedido a tempada pasada ao Juventud Cambados e que nun primeiro momento semellaba con praza fixa deberá tentar aproveitar os vindeiros días para facerse cunha das dúas vacantes que se disputan tamén Guille, Migui Sayar, Javi Acuña e Jorge Miser, que veñen de rematar a súa etapa xuvenil na base do club vilagarcián, e Alberto Trapero, procedente do conxunto de División de Honra Xuvenil do Val Miñor. «A finais da semana decidirei», adiantou Rafa Sáez. Será despois do amigable que o sábado disputará o Arousa co Rápido de Bouzas de Jorge Otero no campo portonovés de Baltar.