Póker nacional de Andrés López, rei do tríatlon esprinte, do acuatlón e de tríatlon cross ademais do duatlón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O vilagarcián suma en oito días outros tres títulos ao de duatlón. O seu compañeiro Javier Fernández foi bronce no Campionato de España de Tricross, e catro deportistas do Triatlón Vilagarcía clasificáronse para o Europeo desta última modalidade

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado 7 de xullo, campión de España de Tríatlon Esprinte (750 metros a nado, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pé) en Banyoles, Tarragona. Domingo 8 de xullo, campión de España de Acuatlón (1.000 metros de natación e 5.000 correndo) no mesmo escenario. Sábado 14 de xullo, campión de España de Tríatlon Cross (1.000 a nado, 19 de ciclismo de montaña e 6,3 de segmento a pé nun trazado mixto de herba e de asfalto) en Almazán, Soria. En tan só oito días Andrés López Torres (Vilagarcía, 2/XI/1963) conquistou tres títulos nacionais noutras tantas disciplinas na súa categoría de idade, a que abrangue os deportistas entre os 55 e os 59 anos -tense en conta o ano natural no que se cumpren-. Un trío de ases que sumado ao título nacional de duatlón -carreira a pé e ciclismo- conquistado o pasado mes de abril, coloca nas mans do arousán un póker singular que non fai máis que engrandecer a súa figura entre os seus compañeiros do Tríatlon Vilagarcía, pero tamén entre os competidores dun deportista cun extraordinario palmarés ao longo dos seus 18 anos de triatleta.

«Xa gañara estes títulos antes, o de tríatlon esprinte e o de acuatlón no 2013, en Pontevedra, pero nunca gañara tantos no mesmo ano», di Andrés. E desta non foi por unha cuestión de salto cualitativo, explicaba onte, senón «por un tema de distancias, e de recursos económicos». Así, conta, «hai anos que podes gañar varios títulos, pero ou non tes tempo para poder ir aos lugares onde se compite, ou fáltache capacidade económica. O deporte afeccionado é así».

Nesta ocasión coincidíu que dez días atrás «aproveitei para ir coa familia de turismo a Banyoles. Fun», confesa, «porque non vou poder ir ao Campionato de España de Tríatlon Olímpico a comezos de setembro na Coruña por unha voda. E a pasada fin de semana varios do club decidiron ir a Almazán nunha autocaravana».

 

Javier Fernández, bronce

De feito, Andrés López non foi o único deportista en darlle unha alegría ao Tríatlon Vilagarcía no Campionato de España de Tríatlon Cross. Javier Fernández Fernández colgouse o bronce na categoría de idade de 35-39.

En Almazán Andrés, Javier, e os seus compañeiros de club Carlos García e Ramón Valiñas clasificáronse para o Europeo de Tríatlon Cross de outubro en Ibiza nas súas respectivas categorías de idade.