vilagarcía / la voz

Dicía unha semana atrás o adestrador e patrón do C.R. Mecos-Isabel, Fran González, que Samertolameu e Ares partían un chanzo por enriba do resto das traíñas da LGT-A, e que para as catro ou cinco situadas un nivel inmediatamente por debaixo, como a que el mesmo dirixe, habería que agardar á segunda metade do calendario para poder ver con claridade o posto ao que poderían aspirar. Chegados á cuarta regata puntuable, os resultados semellan desmentir o grovense, coa súa tripulación comezando a moverlle os remos a Ares no segundo posto da clasificación xeral tras encadear na Bandeira Concello de Vilagarcía outra segunda praza tan só por detrás dunha hoxe por hoxe intratable S.D. Samertolameu.

Nunha xornada marcada polas excelentes condicións de mar e de vento no peirao de Vilaxoán, a embarcación de Meira impúxose en 19.58.85, con 9,59 segundos de vantaxe sobre o C.R. Mecos-Isabel (20.08.44) na terceira e derradeira regata, a quenda de honra. Dous segundos quitáballe a traíña moañesa a Ares na primeira virada, e 4 a Mecos-Isabel e a Bueu Teccarsa; diferenza que na segunda virada era xa de 7 segundos respecto aos dous primeiros rivais. Ares rematou terceira da quenda e da xeral da Bandeira Concello de Vilagarcía en 20.14,57, a 15,72 da tripulación gañadora, e cedendo 2 segundos máis con Mecos-Isabel dos que perdera sete días atrás na Bandeira Virxe de Carme, entón co equipo grovense co plus de anfitrión. Bueu foi onte de novo cuarta, en 20.22.21.

Na quenda intermedia Puebla foi a gran protagonista, liderando na súa estrea na mesma a regata ata a derradeira virada, para ser finalmente superada por unha Mera que coqueteou co cuarto posto de Bueu en 20.23.60. Puebla rematou en 20.29.43, seguida de Rianxo en 20.42.31 tras un fermoso esprint final con Cuca-Vilaxoán, oitava na súa casa en 20.42.56.

Na primeira quenda, a do 9º. ao 12º. clasificados, esta foi a orde en meta: Coruxo (20.55.39), Amegrove (21.00.59), Castropol (21.20.31) e Chapela (21.57.08). A LGT-A continúa esta mañá coa súa quinta proba puntuable, a Bandeira Concello de Vigo.

 

LGT-Feminina

Antes da xornada da LGT-A, en Vilaxoán vivíuse tamén a segunda regata da Liga Galega de Traíñas Feminina, cun calco nos postos vistos en xuño na regata de apertura de Baiona: 1ª. C.R. Náutico de Ribeira (11.00.25), 2ª. C.R. A Pobra-Cabo (11.02.22), 3ª. C.R. Salgado-Perillo (11.24.69), 4ª. C.R. Cuca Vilaxoán (11.48,62) e 5ª. C.M. Mugardos (12.12.75).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Mecos postúlase como alternativa a un intratable Samertolameu