As mulleres saen a conquistar o mar

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A primeira traíña feminina do club local rema por vez primeira ante a súa afección na regata da Liga desta tarde

07 jul 2018 . Actualizado a las 09:18 h.

As augas do peirao de Vilaxoán son esta tarde o escenario da Bandeira de Traíñas Concello de Vilagarcía. Antes da pelexa da ducia de embarcacións que compoñen a LGT A, a primeira división masculina da Liga de referencia do remo país, as cinco embarcacións da LGT Feminina competirán desde as 18.30 horas polo estandarte arousán, e polos puntos en xogo na segunda das dez regatas puntuables -no caso da competición dos homes trátase da cuarta de 16-. E no mar, por vez primeira na historia, unha traíña feminina do C.R. Vilaxoán.

Fundado a comezos da década dos 80 do pasado século, o hoxe anfitrión da LGT A e da LGT Feminina deu este ano un novo paso adiante no ambicioso proxecto de crecemento sostido e sostible da entidade que vén impulsando Gelo Tarrío e a súa directiva desde que no 2008 colleron as rendas do club. Cunha aposta decidida desde o primeiro día polo remo feminino, no batel e, practicamente tamén sen interrupción, a traiñeiriña, «este ano apostamos por quitar a traíña aquí» logo de ter cecido a tempada anterior oito remeiras xuvenís e séniores a Cabo de Cruz, explica Tarrío.

O pasado outono «el club habló con nosotras para proponernos sacar trainera con el nombre de Vilaxoán. Nos dijeron que este año íbamos a ser bastantes remeras de aquí, y al final respondimos todas», as once xuvenís e séniores do lugar. Ángela de la Torre é sen dúbida a voz máis autorizada para servir de voceira da tripulación da primeira traíña de mulleres na historia do club vilagarcián. Con 24 anos, máis da metade deles, trece, medrando nas instalacións do Club de Remo Vilaxoán, é a máis veterana na bancada, seguida moi de preto por Yaiza Ramil e, con poucos anos de diferenza, de Eva Patiño. Elas son, con Verónica Abalo, as catro séniores locais nunha embarcación que completan dúas xuvenís e outras tantas absolutas de Chapela, e tres séniores de Ares. Subcampioa e campioa de España promesa xunto coa súa amiga Yaiza, e prata xuvenil, en ambos os dous casos en bateis, Ángela de la Torre prolongou as súas seis tempadas anteriores de sénior na traiñeiriña e, puntualmente, competindo no verán co resto de remeiras de Vilaxoán con ansia de baterse no mar, pero sen veciñas suficientes para facelo nunha traíña local, cedidas noutros clubs. Tres anos atrás, con media ducia vogando en San Martiño, o filial do C.R. Mecos, e con Cabo da Cruz nutríndose a tempada pasada de oito deportistas da capital sur da ría arousá. Así as cousas, ¿que supón para as mulleres de Vilaxoán poder remar baixo o escudo do seu propio club? «Pues sobre todo estamos muy contentas», declara Ángela de la Torre.

Visto o «mucho que ha costado juntarse para entrenar, con las mayores trabajando, y la mayoría liadas con sus estudios», De la Torre manifesta que nesta primeira tempada «simplemente deseamos que sea un año bonito de remar».

Miguel Devesa Mascato é o adestrador do proxecto. Un grovense ligado ao C.R. Vilaxoán desde hai catro anos, cando a falta dun barco propio no que poder competir a súa filla Julia no C.R. Mecos, club no que botou de adestrador da base entre o 2013 e o 2016, o levou a inscribila no veciño ría arriba. Remeiro no seu día de Amegrove, «o ano pasado a directiva de Gelo falou comigo en outubro», recorda, «dixéronme se podía botar unha man, e propuxéronme adestrar a traíña feminina», con Julia Devesa figurando entre as sete remeiras xuvenís propias da tripulación.

 

Da pretempada, á realidade

No inverno, antes da tempada de bateis, Devesa levou a traíña a competir a varias regatas de preparación. «Gañamos o Memorial Lágar do Grove, tamén en Chapela e en Boiro» con entre tres e catro rivais na auga. Pero foron resultados sen valor, por canto «competimos coas once propias e coas cadetes do club». A traíña tal como é hoxe, coas sete foráneas e sen unhas cadetes que por idade non poden disputar a Liga, comezou rodar un mes antes do seu inicio, o 16 de xuño en Baiona. «Tiven mellores sensacións no inverno cá agora, porque no verán a xente traballa, e só adestramos tres días á semana», afirma o técnico.

A un mundo do C.R. Náutico de Ribeira, herdeiro do intratable C.R. Mecos-Ribeira campión da LGT Feminina o curso pasado, e da Pobra-Cabo, 36 e 26 segundos máis rápidos respectivamente na primeira proba puntuable da Liga 2018, o Vilaxoán ten a tiro de pedra a un C.R. Salgado-Perillo terceiro en Baiona por escasos 1,38 segundos de diferenza, co C.M. Mugardos moi lonxe por detrás. «O obxectivo este ano era sacar a competir unha traíña feminina en Vilaxoán. E conseguíuse. Este é un ano de transición. De cara ao que vén, se queremos dar un pasiño adiante, teremos que fichar a alguén máis, e adestrar cinco días á semana», sinala Devesa.

«Nos ilusiona sacar por primera vez una trainera del club, y poder remar en casa» hoxe, di Ángela. «Vamos a darlo todo en Vilaxoán, pero cada trainera de la Liga está en un punto distinto, hay que ser realistas». Dito isto, a remeira local exclama que «me gustaría que el barco continuase, y que cada año vaya mejor». Catro cadetes da casa confían niso.