O Arousa trasládalle a Julio Rey unha segunda oferta para tratar de retelo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O mediapunta e Javi Pazos iniciaron unha nova semana sen aclarar o seu futuro

27 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con oito xogadores en nómina pechados para a vindeira tempada remataba a semana pasada o Arousa, e con oito iniciou o presente ciclo de sete días na conta atrás cara a unha pretempada practicamente á volta da esquina. Unha situación que non semella preocupar en exceso ao desde hai un mes adestrador do equipo arlequinado na Terceira División, Rafa Sáez, por canto, comentaba este onte, está a ser a tónica dominante no groso dos conxuntos da categoría, como ben se ve, sen ir máis lonxe, no veciño Céltiga.

O que resulta unha rareza é que inda a estas alturas haxa dous casos sen resolver respecto á media ducia de futbolistas do plantel arousista da pasada campaña que recibiron cadansúa oferta de continuidade no vestiario da Lomba. A presente semana arrincaba sen que nin Julio Rey, nin Javi Pazos, despexaran o seu futuro, en contraste cos madrugadores Vitra, hoxe no Rápido de Bouzas, Batallón e Sidibé, e con Sylla dándolle o si, quero, ao Arousa hai xa once días.

Preguntado pola situación dos dous dianteiros, pezas clave no coqueteo do cadro vilagarcián coa última fase de ascenso, e dun quinto posto final na clasificación no mellor resultado do Arousa na Terceira no último cuarto de século, Rafa Sáez manifestou que «en 2-3 días temos que ter resposta». No caso do mediapunta vilagarcián, que non dubidou unhas semanas atrás en facer público o seu malestar por unha primeira oferta de renovación que, entendía, distaba de recoñecer a súa calidade e incidencia na Liga, o adestrador arlequinado desvelou que a finais da semana pasada o club lle trasladou unha segunda oferta a Julio Rey, acompañada dunha mellora económica. Chegados a este punto, «a decisión é agora del», di Sáez, quen no tocante ao caso de Javi Pazos, salienta que a proposta presentada ao dianteiro centro semanas atrás «foi acorde ao rendemento que amosou a tempada pasada», na que concluíu pichichi do grupo galego da Terceira División con 25 goles.

Máis aló do futuro de Julio Rey e de Javi Pazos, o certo é que Rafa Sáez ten inda por diante literalmente a contratación de medio plantel. Ao respecto, o preparador pontevedrés comenta que «temos a cana botada a moitos xogadores, e estamos a agardar a contestación. Todos os equipos estamos moi parados, algúns con só tres xogadores confirmados. As expectativas dos futbolistas neste momento son moi altas».

Chegados a este punto, e para quen manexe información errónea, Rafa Sáez advirte de que «o Arousa vai xestionar o mesmo orzamento económico para o seu primeiro plantel que o que manexaba a tempada pasada». Un orzamento que o presidente do club, Manolo Abalo, situaba sexto no ránking do grupo galego da última Liga de Terceira.

Miguel Fontán Núñez é o novo preparador físico arlequinado

Non houbo onte novidade desde as oficinas da Lomba respecto á confección do primeiro plantel arlequinado. Si a houbo sobre o equipo de colaboradores do que se está a rodear Rafa Sáez de cara a desenvolver a metodoloxía profesional de traballo diario que pretende instaurar no Arousa. O vilagarcián Miguel Fontán Núñez é o novo preparador físico do equipo. Con experiencia no cadete A do Dépor, e na canteira do Céltiga, a pasada campaña compaxinaba o papel de preparador físico do cadete arlequinado e de técnico dun dos conxuntos da base do club, co de xogador do Juventud Cambados, faceta esta de futbolista que aparca agora.

O club segue pendente da contía final no caso do exutillero

A día de onte a directiva do Arousa seguía agardando pola resolución do recurso contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que condenou o club ao pagamento de 166.000 euros para a cobertura da pensión por invalidez absoluta outorgada ao seu exutillero José Manuel García a raíz da súa caída desde unha das cubertas do estadio da Lomba.

Ingresados xa os primeiros 30.000 euros, a directiva de Manolo Abalo traballa en reunir a maior cantidade posible mentres negocia unha alternativa bancaria porque, unha vez resolto o recurso, quizais esta mesma semana, o diñeiro finalmente estipulado será requerido de inmediato.