Manu Táboas, moi preto de ser o novo porteiro do Arousa

Formado na canteira do Celta, compañeiro do Gato de Catoira na súa primeira tempada no filial celeste, chegaría do veciño Céltiga. Marcos ficha polo Bergantiños


vilagarcía / la voz

Rafa Sáez desembarcaba hai dúas semanas coas ideas claras no vestiario da Lomba. No que é o seu primeiro proxecto á fronte dun banquiño de Terceira, o adestrador pontevedrés decidíu apostar por unha revolución, prescindindo de dous de cada tres dos futbolistas que completaron a pasada Liga no quinto posto da clasificación, a 2 puntos da promoción de ascenso. Con serias dúbidas sobre a continuidade de boa parte da media ducia de xogadores con oferta para repetir no Arousa, tendo declinado xa Vitra unha proposta neste sentido, Sáez ten por diante a construción dun plantel practicamente completo e con potencial para pelexar polas catro primeiras prazas ao termo da vindeira Liga. Onte o técnico declaraba que, «ademais dalgún dos futbolistas aos que lles presentamos oferta de renovación, agardo que a finais de semana poidamos presentar unha ou dúas fichaxes».

Cunha probabilidade cercana ao cento por cento, Manu Táboas será un deses primeiros reforzos. Este xornal puido confirmar onte que a fichaxe do porteiro vigués polo Arousa está practicamente feita, ata o punto de falarse do seu peche en horas antes ca días.

Descartados Lloves e Roberto Pazos -ambos figuraban onte na lista de dez descartados por Sáez feita pública pola directiva do club arlequinado-, o Arousa aposta por un dos gardamallas máis soventes do grupo galego da Terceira. Titular indiscutible nas dúas últimas tempadas no Ribadumia e nun Céltiga no que xogou 37 dos 38 partidos da última Liga, Manu Táboas (Vigo, 30/V/1991) é un deses cancerbeiros que semellan estar unha categoría por debaixo do seu potencial.

Formado na canteira do Celta durante 9 anos, o vigués estreouse coma sénior no filial celeste, no que militaría tempada e media. A primeira, coincidindo cun Sergio Álvarez ao que tan só lle deu rabuñado oito partidos. Á tempada seguinte, con nove encontros xogados coa camisola do Celta B, Manu Táboas foise a media liga ao Sporting de Xixón B, para formar parte do plantel do desaparecido Ourense as dúas seguintes campañas, sempre no rol de segundo porteiro. Da Segunda B o futuro novo gardamallas do Arousa agás inesperadas diferenzas de última hora entre as partes pasou á Terceira, fichando polo Alondras, un ano, polo Ribadumia, dous, e o pasado exercicio polo Céltiga.

Por outra banda, a redacción de La Voz en Carballo informa de que Marcos vén de fichar xa polo Bergantiños, de novo rival directo do Arousa por praza na promoción.

A marcha de tantos compañeiros fai dubidar a Sergio Santos, e Julio xa escoita máis ofertas

A día de onte que o Arousa 2018/19 non conte cun só futbolista do plantel que vén de rematar a Liga quinto a 2 puntos da promoción é unha opción con altas probabilidades de facerse realidade. Porque ata o xogador máis proclive a asinar a oferta de renovación presentada pola directiva a petición de Rafa Sáez, o canteirán Batallón, non as ten todas consigo, a expensas da compatibilidade das súas obrigas académicas cos adestramentos a primeira hora da tarde que fixará o técnico.

Julio Rey, estandarte da canteira arlequinada no primeiro equipo, declaraba onte que «la oferte que me han hecho no me satisface, ya le he dicho al club que a partir de hora empezaré a mirar otras opciones» sen descartar o Arousa. Sergio Santos, con oferta do Bouzas, falaba onte que «me sorprenderon tantas baixas. A marcha de moitos compañeiros faime pensar a renovación. Había un grupo moi bo».

Roberto Pazos e Vseva únense aos descartes, nos que o club inclúe a Lloves

A directiva do Arousa fixo público na mañá de onte un comunicado informando dos xogadores que, «por decisión del entrenador Rafa Sáez [...] no formarán parte del Arousa la temporada 2018/19». Un listado con dez nomes. Entre eles os de Manu Justo, Marcos e un Rivas que pecha sete tempadas consecutivas no equipo vilagarcián, do que era o seu primeiro capitán, descartes os tres adiantados na súa última edición dominical por La Voz de Galicia. Tamén Yerai, Óscar, Fran Matos e Anxo, dos que este xornal deu conta no seu exemplar de onte luns. O porteiro cambadés Roberto Pazos, e o letón Vsevolds Camkins, o único futbolista ao que todo o mundo, propios e estraños, daban por finiquitado dado o seu paupérrimo rendemento na Lomba. E un sorprendente Sergio Lloves.

A inclusión do cancerbeiro de Redondela chama poderosamente a atención na nómina de descartes de Sáez, por canto Lloves anunciara na noite do pasado xoves o seu adeus ao Arousa polo seu propio pé, ao entender que chegara o momento de poñer fin a unha etapa na súa carreira, motivado en parte por unha situación familiar que lle dificultaba os desprazamentos a Vilagarcía.

Aos dez futbolistas enunciados súmase «por decisión propia Diego Rodríguez, Vitra», informa o comunicado da entidade.

O presidente do club, Manolo Abalo, «fue el encargado de comunicar a los jugadores [...] la decisión del entrenador Rafa Sáez», cóntase nun documento que remata sinalando que «el presidente quiere agradecer sinceramente la total implicación de estos jugadores con el equipo en todas las temporadas que vistieron la camiseta arlequinada, y desearles la mayor de las suertes tanto profesional como personalmente».

Manu Justo si interesaba

Sobre o particular, e tras pedir falar de «baixas, descartes non», Sáez tan só puntualizou onte que «había un xogador máis do noso gusto, Manu Justo, pero sabiamos que estaba comprometido co Coruxo. Teríanos gustado ofrecerlle a renovación».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Manu Táboas, moi preto de ser o novo porteiro do Arousa