«A todo xogador lle gusta estar no Arousa. Pero estas cousas pasan. Ogallá saia ben o novo proxecto»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O durante 7 anos xogador arlequinado fala de como recibíu a nova do seu descarte por Rafa Sáez, e do que deixa no club vilagarcián

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sete anos, e 18.688 minutos de xogo só en partidos de Liga. As cifras converten a Pablo Rivas (Rianxo, 5/V/1987) nun deses xogadores con acento propio entre os centos de futbolistas que defenderon as cores do Arousa ao longo dos seus máis de 70 anos de historia. Chegado ao club na tempada 2011/12 procedente do Boiro, co equipo vilagarcián penando os excesos da era Gómez na Preferente Galicia, o rianxeiro converteuse en referente no vestiario, pero tamén na grada da Lomba. Pola súa solvencia no centro do campo e no corazón da zaga, e pola súa capacidade para facer grupo, o que lle levou a capitán. Calidades ás que engadíu a de goleador a balón parado dúas campañas atrás, cando xunto con Aitor Díaz formaba a parella de centrais máis temida polos porteiros rivais da Terceira.

 

Reconvertido a central nos últimos tres anos, Juan Rodríguez, hoxe no Sporting de Gijón en Segunda División, Aitor Díaz, e na última campaña como futbolista arlequinado Vitra e Marcos, foron algúns dos compañeiros que Rivas víu desfilar nestes anos.

«Chamoume Manolo, e díxome que o míster novo non quería que continuase. Estas cousas pasan». Rivas comeza a asimilar que non volverá a vestir a camisola do Arousa. Con esa mestura de profesionalidade e de sensatez que, á fin, explican en boa medida a súa lonxevidade no plantel da Lomba.

«Ao final son moitos anos aí, coñeces a moita xente, e quéreslle ao club. Fastídiate, loxicamente. Pero entra xente nova, e opta por facer trocos grandes. Ao final, no fútbol estás de paso», asume.

¿Contaba co descarte de Sáez? «Non contaba nin deixaba de contar», di, mais «non me colleu de sorpresa. Sabiamos pola prensa que ía haber moitos cambios. Non lle podo gustar a todo o mundo». E pese a ser un dos primeiros damnificados, e de estar convencido de que «tiñamos un bo plantel, que podería continuar con 4-5 fichaxes», Rivas só ten bos desexos para o novo proxecto de Sáez: «Ogallá lle saia ben polo Arousa».

Rivas quixo «darlles as grazas a Manolo -Abalo-, que apostou por min e lle teño moito cariño, aos corpos técnicos que tiven, de todos aprendín, e á afección, que sempre me apoiou, sobre todo nos momentos difíciles». Na maleta o de Rianxo leva «de todo», pero sobre todo cousas boas. «O mellor momento, o ascenso á Terceira». O máis valioso, «os compañeiros e amigos que fixen». «A todo xogador lle gusta estar no Arousa», sostén Rivas. El gañou a pulso deixar de estar, para ser unha pequena parte do club.