Lloves, primeira baixa no Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VÍFER

O porteiro de Redondela anuncia a súa marcha a través da súa conta de Facebook. Canso dos desprazamentos ata Vilagarcía, pecha dous anos no club

09 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«He decidido no seguir en el Arousa. Muchas gracias a todos y cada uno de mis compañeros y cuerpo técnico (Manu, Duvi y Jorge), que me han dejado acompañarlos estos dos años». Con estas frases, rematadas cunha longa serie de agradecementos persoais, facía pública na noite do xoves Sergio Lloves o seu adeus ao Arousa, converténdose na primeira baixa confirmada no plantel arlequinado de cara ao novo ciclo aberto tras a marcha de Jorge Otero ao Rápido de Bouzas e a chegada de Rafa Sáez ao banquiño da Lomba.

Aos seus 29 anos, o gardamallas de Redondela explicoulle a La Voz de Galicia os motivos do seu adeus, cando inda onte o seu club durante as dúas últimas tempadas non contactara con ningún dos integrantes do último plantel para comunicarlles a lista de descartes elaborada polo novo técnico arlequinado. «No tenía muchas ganas de seguir, porque se me hacía largo el viaje, y quería salir de Vilagarcía», conta Lloves.

Fichado no verán do 2016 tras medio ano sen equipo logo de abandonar a disciplina do Pontevedra na Segunda División B, quen foi o indiscutido porteiro titular para Jorge Otero nas dúas tempadas do de Nigrán á fronte do equipo vilagarcián estima que «es una etapa que tengo que cerrar. Va a haber un cambio grande, y no me toca formar parte del nuevo proyecto. Conociendo el funcionamiento del club, creo que es lo mejor».

Lloves, que foi un dos catro capitáns do primeiro plantel arlequinado, fala da súa situación persoal na casa, cun avó ao seu cargo, para salientar os problemas para seguir comprometéndose cun club a tanta distancia do seu fogar.

Chegados a este punto, o porteiro redondelán pídelle á afección do Arousa que valore as «dos muy buenas temporadas, las mejores del equipo en los últimos 25 años», que pecha lamentando tan só «no haber logrado clasificarnos para los play-offs».

Sen trato persoal anterior con Rafa Sáez, Sergio Lloves aproveitou as súas últimas declaracións sobre o Arousa para «darles las gracias a Eduardo Carregal, en especial, a mi cuerpo técnico, a mis compañeros; y a la afición. Soy un chico que no se hace querer, se me ha hecho mucha crítica; pero quiero darles las gracias a los que me apoyaban y a los que me criticaban».

Con todo, puidera ser que na Lomba non tarden moito en ver a Lloves de novo, toda vez que, se ben non manexa inda ningún novo destino, ten claro que «quiero seguir jugando al fútbol».

Rafa Sáez comunícalle á directiva os seus descartes

Sergio Lloves adiantouse ao corpo técnico e mais á directiva do Arousa abrindo o capítulo de baixas co seu adeus público ao vestiario da Lomba. Un capítulo de baixas que será despachado polo club en cuestión de horas, ou de días, despois de recibir os seus responsables o listado de descartes elaborado ao longo desta semana por Rafa Sáez.

O novo adestrador do Arousa informou onte da súa intención de mandarlle á directiva de Manolo Abalo a nómina de baixas por decisión técnica non máis tarde da mañá de hoxe. E aclarou que serán os rectores da entidade quenes deben poñerse en contacto cos xogadores, en tanto «eu non falei con eles».

Xunto co listado de descartes, que Sáez non quixo identificar por respecto aos futbolistas, pero tampouco cuantificar máis aló de dicir que «vai haber unha renovación significativa», o preparador arlequinado trasladou loxicamente tamén as identidades dos homes do último plantel cos que quere traballar.

A vindeira semana, adianta o técnico pontevedrés, «trataremos de confirmar algunha alta e renovación», para «na seguinte, comezar a deseñar a pretempada, incluíndo os partidos amigables».

Respecto á pretempada, Rafa Sáez anuncia que «contaremos como mínimo con cinco dos xogadores que veñen de rematar a súa etapa xuvenil» no club. Con esa idea esta semana reuníuse co xa exdirector deportivo do Arousa, Eduardo Carregal, co coordinador da base, Víctor Cochón, e co adestrador do primeiro plantel xuvenil, Celso Couso. Sobre se ten pensado deixar algunha vacante no primeiro plantel para estes rapaces, Sáez quere velos traballar, sen descartar que haxa sitio para algún na Terceira.