Xurxo Abuín: «Algúns aproveitan as multas para facer negocio coa limpeza do monte»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Acusa o goberno galego de non informar os propietarios de fincas das súas obrigas, deixándoos sen marxe para cumprir con elas

04 jun 2018 . Actualizado a las 12:45 h.

Presidente da Comunidade de Montes de Rubiáns desde hai nove anos, primeiro directivo dunha Mancomunidade de Montes de Vilagarcía de Arousa que vén de cumprir o seu primeiro ano agrupando o 70 % das entidades do sector da localidade, Xurxo Abuín (1954) é unha voz autorizada para falar sobre as urxencias e as inseguridades dos propietarios forestais a raíz das esixencias da Xunta en materia de limpeza de fincas, pero tamén das recentes modificacións na Lei de Montes. En ambos casos é sumamente crítico coa política do goberno de Feijoo.

-Limpeza de fincas a 50 metros de núcleos urbáns, rurais e urbanizables para a prevención dos lumes forestais, con multas de ata 3.000 euros desde o 1 de xuño...

-Estas normas non son novas. Figuran na lei de Montes do 2012. Que ocorre, que como moitas cousas que se lexislan, non se esixe o seu cumprimento. Pero este ano as declaracións do presidente da Xunta e da conselleira de Medio Rural deixan claro que se vai esixir o cumprimento desas normas a partir do 1 de xuño. Ameazan con multas que poden chegar aos 3.000 euros. Desde a Xunta non se fixo un traballo previo de información exhaustiva entre os propietarios. No mundo no que vivimos, no que calquera usa medios tecnolóxicos, sería moi fácil que a Xunta comunicase calquera modificación sectorial ás comunidades de montes cun correo electrónico, que non custa nada, e é inmediato. Parece que aquí prima o escurantismo. Non se nos informou de nada ás comunidades. Se a comunidade está na Organización Galega de Comunidades de Montes, ou da Asociación Forestal Galega, pódenche chegar as noticias. Pero se non, corres o risco de non enterarte de nada. Esta semana falaba cun rapaz que ten propiedades forestais, e díxome que sabe que ten que cumprir coa norma, pero que se ve imposibilitado de tirar unha árbore; para iso hai que ser profesional. Tentou contratar un fragueiro para que lle talase a madeira e lle limpase o monte. Pero os profesionais están tan saturados, que non se poden comprometer a facerche o traballo nun prazo. E logo, comentábame, algún diche, sácoche a madeira, pero non cha pago, lévoma gratis. Algúns aproveitan para facer negocio.

-En zonas de Galicia deuse un aumento considerable da contratación de empresas do sector para a limpeza de fincas situadas no límite das franxas de seguridade fixadas pola Xunta. ¿Vivíuse ese incremento na comarca?

-Resulta evidente. Colles o coche, das unha volta por Rubiáns, por Cornazo, por Baión... polas comunidades de montes da zona, e por fincas de particulares, e ves que se están facendo obras de limpeza, de tala, e que se están facendo todas á vez. E iso é polo cumprimento da norma.

-¿Como está a situación hoxe en Vilagarcía e en Arousa? ¿Chegamos ao fin do prazo da Xunta en perfecto estado de revista?

-Non. De ningunha maneira. Imposible. Era materialmente imposible chegar ao 31 de maio co cumprimento estrito da normativa. Porque as cousas levan o seu tempo. Hai que contratar persoal para a limpeza, e iso require tempo. Lexislar é moi fácil. As leis deberan ser razoables. Se iso se lles comunicara aos propietarios con seis meses de antelación, pódese cumprir, pero se non cho comunican, é imposible. A xente estáse a enterar agora pola prensa. O cadro de distancias da Xunta está en vigor desde o 2012, pero nunca se esixíu o seu cumprimento. Esta aí, pero á maior parte dos propietarios de montes nunca lles chegou. Leis en Galicia non sei cantas sairán cada mes, pero eu non me entero de case ningunha. E iso pásalle ao común da xente.

-A franxa de seguridade non é unha novidade na normativa contra o lume. Descargar nos concellos o seu control, facultándoos desde o 1 de xuño para limpar as fincas abandonadas repercutíndolles os gastos aos propietarios, si. ¿Cónstalle que concellos da comarca vaian actuar de oficio?

-Descoñezo se algún concello vai actuar. Non me parece razoable. Como sempre, descárgase nos concellos o capítulo sancionador. Paréceme unha barbaridade.

«O balance do primeiro ano da Mancomunidade de Vilagarcía é moi poisitivo»

-¿Que balance fai deste primeiro ano da Mancomunidade de Montes de Vilagarcía?

-Moi positivo. Penso que xuntar a maioría das comunidades de Vilagarcía nunha mesa, reunirnos cada dúas, tres, catro semanas, e buscar obxectivos comúns é positivo. O ano pasado fixemos un dossier sobre os vertedoiros incontrolados nos nosos montes e envióuselle á Xunta, a fin de que tomase cartas no asunto. Lamentablemente, non o fixo. Ás veces os vertedoiros de lixo son focos de inicio de incendios. Tamén, en colaboración co BNG, conseguimos que no orzamento local se incluíse unha partida para limpeza de montes veciñais, e para formación de persoal que poida traballar niso. Foron 70.000 euros, que se esgotaron, e máis que houbera. Cubriron os custes do estudo que fixo a Mancomunidade para ver as zonas prioritarias de limpeza, e a limpeza de moitos dos montes veciñais de Vilagarcía. Este ano hai unha nova convocatoria de axudas, e en calquera momento o Concello fará públicas as bases; estamos facendo un novo estudo, determinando as zonas máis sensibles aos incendios para investir canto antes a partida nelas.