Vilagarcía celebra a chegada do verán

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O parque Miguel Hernández acollerá música, maxia e contos durante un día con actividades para toda a familia

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres espazos diferenciados, microespacios cun aforo dunhas trinta persoas, unha zona de xogos espectacular e un escenario principal onde Pablo Díaz dará o concerto que peche a xornada. A terceira edición do Festival do Estío mudará a faciana do parque Miguel Hernández o día 16 de xuño.

É a festa ca que o Concello de Vilagarcía dálle a benvida o verán e que, neste ano, vén da man do programa de dinamización lingüística Apego. Unha xornada para que gocen as familias, con música, xogos educativos, contos, teatro, títeres e maxia.

Polos tres microespazos que se ubicarán no parque Miguel Hernández pasarán catro espectáculos diferentes. Cada un fará catro pases de dez minutos que coincidirán cos que se estean a representar nos outros espazos.

Os protagonistas

Serán un total de 12 microesceas. Anxo Moure, Trinke Trinke e Martín Camiña estarán entre as 11.30 e as 12.30 e Xoán Curiel, Charo Pita e Bea Campos entre as 12.30 e as 13.30. Xa no serán, a partires das 18.00 será a quenda para Vero Rilo, Fani Triana e Marta Ortiz e as 19.00 actuarán Inacio Vilariño, Servando Barreiro e Larraitz Urruzola. A festa rematará as 20.00 co concerto de Pablo Díaz.

O Festival do Estío será o sábado 16 de xuño, pero sete días antes os vilagarciáns xa poderán gozar dun adianto porque os velocíclopes da compañía Fantoches Banda farán un desfile para promover o evento durante toda a mañá do sábado 9 de xuño polas rúas do centro da cidade.