O PSOE leva a pleno a dotación da ambulancia medicalizada no Salnés

m. s. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O obxectivo é instar a Xunta a reconsiderar a súa postura respecto a esta necesidade

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A ausencia de ambulancia medicalizada no Salnés volve ao pleno de Vilagarcía. O grupo municipal socialista someterá á consideración diversos acordos. O primeiro deles será que se manifeste o rexeitamento á negativa da Xunta a dotar dunha ambulancia medicalizada á comarca. «Para os socialistas do Salnés é inaceptable que se trate á poboación do Salnés coma cidadáns de segunda en algo tan vital como é unha atención rápida e especializada, que ofrece a dotación dunha ambulancia de soporte vital avanzado», indican en alusión á iniciativa presentada polo PSOE no Parlamento de Galicia na que se instaba a realizar nun prazo de dous meses un informe específico sobre a atención ás persoas con infarto agudo de miocardio na área sanitaria do Salnés e o seu traslado a outro centro hospitalario, ao tempo que se dota ao hospital do Salnés dunha ambulancia de soporte vital avanzado. Iniciativa que foi rexeitada. O segundo acordo a aprobar sería, así, instar á Xunta a reconsiderar este posicionamento. Tamén que se realice un estudo sobre cal é a derivación máis rápida para os afectados de miocardio, o ben Vigo ou ben Santiago.

Os socialistas tamén buscarán que se inste aos concellos da área sanitaria do Salnés e a Mancomunidade á aprobación nos seus respectivos plenos desta moción.

«O infarto agudo de miocardio é un dos problemas sanitarios máis sensibles á resposta rápida que se poida dar á persoa afectada. As enfermidades do sistema cardiovascular son a primeira causa sanitaria de falecemento en Galicia, e máis de 1000 persoas morreron por infarto agudo de miocardio no ano 2016», recordan dende o equipo de goberno de Vilagarcía. Insisten tamén que «todos os expertos sinalan que unha rápida atención é esencial para a recuperación e control de consecuencias». Por iso lamentan que continúe sendo «unha das grandes eivas no ámbito da saúde».