Raquel Meaños asaltará mañá a marca para o Mundial Sub-20

Atletismo A vilagarciá busca en Balaídos a lo menos igualar o seu mellor rexistro persoal


O Trofeo Alfonso Posada dista moito de contar coa relavancia dun Campionato de España pero nesta ocasión, mañá venres, ás nove da noite nas pistas viguesas de Balaídos, para Raquel Meaños o valor do premio en xogo compite co dunha medalla nacional. Porque no estadio olívico a vilagarciá disparará a primeira das dúas balas das que neste momento dispón para conseguir o seu grande obxectivo na que é a súa segunda tempada na elite do atletismo base español. A clasificación para a proba dos 800 metros do Campionato do Mundo Sub-20, a comezos de xullo en Finlandia. Baixar, ou a lo menos igualar o 2.07.05 que o 27 de xullo do 2017 fixaba como mellor marca persoal é a obriga de Meaños, ao tomar a Real Federación Española de Atletismo o rexistro como mínima para calquera deportista hispana que queira selar a súa inscrición con destino á gran cita no país escandinavo.

O 2.07.97 co que remataba cuarta na final do Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta, o 18 de febreiro, é a mellor marca da vilagarciá do Valencia Esports na presente tempada. Ao aire libre o seu rexistro máis destacado foi o 2.08.41 que asinaba precisamente na súa última carreira ata hoxe, na segunda xornada da Liga Iberdrola de División de Honra Feminina, o 19 de maio en San Sebastián. Con todo, Raquel é do máis optimista de cara a mañá, por varios motivos. «En San Sebastián corrí con sensaciones muy malas después de 10 horas de viaje», lembra. Ademais, «en la proyección en los entrenos estoy corriendo a 2.05-2.06», e en Vigo está prevista a participación dunha lebre. O Meeting de Huelva, coa presenza a vindeira semana da elite absoluta española, queda na recámara de Meaños.

Natalia, a irmá pequena, gaña dúas medallas galegas cadetes

O éxito de Raquel mañá na noite viguesa redondearía seis días de felicidade no fogar dos Meaños Asensi. E é que a irmá pequena de Raquel, Natalia, facía as delicias da familia o pasado domingo, ao colgarse as súas dúas primeiras medallas nun Campionato Galego Sub-16 (Cadete) ao Aire Libre.

A atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra rematou na cita do Barco de Valdeorras subcampioa na proba dos 100 metros, cun tempo de 13.04. Natalia conseguíu ademais o bronce no triple salto, acadando no seu mellor intento os 10 metros e 36 centímetros.

Pese á súa curta idade, 15 anos, a pequena das Meaños Asensi xa competíu esta tempada co seu club na Liga Iberdrola de Primera División Feminina, na modalidade de triple salto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Raquel Meaños asaltará mañá a marca para o Mundial Sub-20