Os vilagarciáns Adrián Ces e Clara Solla, subcampións galegos de pista

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

O mediofondista do C.A. Santiago colgouse a prata no 1.500 Sub-18, mentres a velocista da A.A. Mazí fixo o propio nos 300 metros valados Sub-16

29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa hai quen segue o ronsel de Raquel Meaños no atletismo vilagarcián. Os Campionatos Galegos Sub-16 e Sub-18 ao Aire Libre confirmaron a pasada fin de semana que a capital arousá continúa a ser un viveiro de calidade para o atletismo, e que só precisaba quen traballase coa súa materia prima tras a crise e desaparición da sección correspondente do Liceo Marítimo. Adrián Ces López (19/XI/2002) e Clara Solla Boo (12/01/2004) son novos subcampións autonómicos. El, mediofondista do Club Atletismo Santiago, dos 1.500 metros Sub-18; ela, deportista da Agrupación Atlética Mazí, club de orixe do primeiro, dos 300 metros valados Sub-16.

A prata no 1.500 conquistada o pasado sábado nas pistas de Ferrol é a guinda ao brillante mes de maio protagonizado por Adrián Ces, que rematou a tan só 79 centésimas de segundo do ouro cun crono de 4.14.52, polos 4.13.73 do campión, El Mehdi El Nabaoui, do C.A. San Paio da Estrada. Subcampión galego da Milla en Ruta o pasado 8 de abril en Santiago de Compostela, o vilagarcián conseguíu un mes despois, o 9 de maio, a mínima para o Campionato de España Sub-18, o 24 e 25 de xuño en Xixón, parando o crono en 4.08.46 nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva no Trofeo Boa Vila de Pontevedra -a mínima para o nacional este ano fixouse en 4.10.00-. O arousán do C.A. Santiago rebaixaría inda ese tempo, en case dous segundos, só tres días despois no Ourense Termal Athletics Meeting cunha marca de 4.06.68.

Compañeiro de club do vilanovés e tamén mediofondista Roi Estévez, Adrián Ces adéstrase xunto a este último e Raquel Meaños nas pistas do estadio de atletismo de Fontecarmoa e do CGTD, Ces e Estévez baixo as ordes do marinense Víctor Rioboo.

Clara Solla competíu o domingo no Campionato Galego Sub-16. Unha cita disputada no Barco de Valdeorras, onde completou a final dos 300 metros valados en 49,70. Unha mellor marca persoal a un mundo dos 44,38 da campioa, Belén García, do ADAS Proinor, pero tamén máis ca suficiente para poder gozar a vilagarciá da prata nos metros finais, coa terceira no podio, Inés Domínguez, do Viguesa de Atletismo, atravesando a meta en 51,02.

A Mazí reuníu sete mellores marcas persoais entre os Galegos Sub-18 e Sub-16. Entre elas, os 2.56.17 de Damián Méndez na final de 1.000 metros Sub-16, que lle valeron o quinto posto.

Xa nunha categoría menor, no Xogade Benxamín a Mazí sumou os ouros de Iago Marín en peso (7,34) e de Miguel Custodia en altura (1 metro), a prata deste último en pelota (24,68) e o bronce de Carla Pérez en altura (0,85).