Vermutalina no Piñeiriño, para darlle ao domingo o que merece

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Nada mellor que unha boa dose de punk garaxeiro polo belfo para regar hoxe a sesión vermú

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A pouco que se descoiden os veciños, o barrio do Piñeiriño, en Vilagarcía, acabará tendo máis bares ca rúas. Ningún problema. A xente por alí ten sede, gústalle parrafear e atoparse a pe de barra. Así que a escolla do Concello para esta nova sesión do programa Agora Vermú non podía ter mellor pinta. As Pistas asócianse con Terbutalina para asinar, a iso da unha da tarde, unha arrolladora ración do mellor punk garaxeiro do país. Toma domingo, Moreno.

A diferenza doutras propostas que adaptan os seus repertorios en horario diúrno a formatos acústicos e ideas parecidas, Terbutalina ofrecerá un concerto como é debido. Un máis da xira A Casa da Tolemia coa que, dende mediados de marzo, debuta a súa nova formación. Pronto, por certo, no macrofestival Son do Camiño. Tralla, son bravo sen pulir nin fantasmadas e letras iconoclastas constitúen a tarxeta de presentación desta xente. Alguén que proclama «Goodbye Neuronas» ten que ser así.