Cortegada acollerá o seu primeiro simulacro de incendio despois do lume do verán de 2015

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A medida preventiva do goberno local de Vilagarcía leva tres anos cociñándose e contará coa implicación de distintos organismos

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía acolleu onte a primeira das reunión previstas para organizar un simulacro de incendio na illa de Cortegada. A actuación fora solicitada reiteradamente polo goberno local vilagarcián como media preventiva para establecer as pautas de actuación en caso dunha posible ameaza por lume que puidera por en perigo a riqueza natural e paisaxística da illa do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Tal e como sucedeu no verán de 2015.

Na reunión participou o concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, un representante do Distrito Forestal de Pontevedra, unha responsable do Parque Nacional, o xefe do Servizo Municipal de Emerxencias e a xefa da Policía Local. A vindeira semana haberá un segundo encontro, xa máis técnico, para concretar o dispositivo e coordinar os medios materiais e humanos que intervirán no simulacro que se quere realizar no mes de xuño e no que intervirán o Servizo Forestal de Pontevedra, o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Vilagarcía e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Tamén colaborará a Policía Local.

Este simulacro servirá para avaliar os medios dispoñibles e coordinar as actuacións a levar a cabo, así como para detectar posibles deficiencias ou problemas de cara a poñerlles solución. Os responsables do Distrito Forestal e do Parque Nacional explicaron un protocolo de actuación en caso de incendio, si ben recoñeceron que era xenérico para todas as illas, independentemente das características propias de cada unha. Precisamente, pola singularidade de Cortegada, o concelleiro de Medio Ambiente defendeu a necesidade de levar a cabo de forma periódica simulacros.