Atlético de Madrid, Celta, Benfica, Leganés, Rayo, Dépor, Real Sociedad e Porto, no Cidade de Vilagarcía

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O Arousa adianta que o torneo benxamín, con 48 equipos de doce comunidades autónomas e a Spanish Soccer School de Dubai, reportarálle un retorno económico de 400.000 euros á comarca

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A sétima edición do Torneo Clae Viajes Cidade de Vilagarcía era presentado onte polo Arousa nun local da zona de copas do porto da vila. Co director do campionato, Paco Ozores, acompañado polo presidente do club, Manolo Abalo, polo vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol José Manuel Fernández, polo representante do patrocinador do campionato, Carlos Noya, polo concelleiro de Deportes, Argimiro Serén, pola deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, e polo padriño da nova edición, o ex-xogador do Arousa e internacional absoluto con España no seu día xa nas filas do Sporting de Gijón, Manolo Jiménez. No estadio que leva o seu nome será, de feito, onde se dispute o Cidade de Vilagarcía Benxamín do 22 ao 24 de xuño.

Ozores foi o encargado de debullar os detalles do torneo. Con 48 equipos, o límite da capacidade organizativa cos recursos dispoñibles polo Arousa, divididos en oito grupos de seis equipos e oito cabezas de cartel de primeiro nivel: Atlético de Madrid, Celta, Benfica, Leganés, Rayo Vallecano, Deportivo da Coruña, Real Sociedad e Porto. Conxuntos aos que se suman cadros dunha ducia de comunidades autónomas, coas de Aragón e Valencia como novidades, máis a Spanish Soccer School de Dubai; e canteiras de primeiro nivel como a do Damm de Barcelona, defensor do título, ou o Antiguoko de San Sebastián.

O director salientou o rápido crecemento do torneo, e o retorno que lle proporcionará á zona. «Virán arredor de 2.500 persoas, a maioría entre 2 e 4 días, algún equipo unha semana enteira, con 20 hoteis ocupados e 400.000 euros de retorno económico para a comarca», relatou Ozores.

O padriño desta edición, Manolo Jiménez, dirixíuse aos canteiráns do Arousa presentes no acto para dicirlles que «con traballo e con ilusión pódese chegar á elite», pero que o importante é que «gocedes do fútbol».