A Fundación de Deportes anuncia os finalistas a Mellor Deportista de Vilagarcía 2017

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Raquel Meaños, Ricardo González, Pedro Muñoz, o primeiro equipo do Vilagarcía Tenis de Mesa e o batel infantil do C.R. Vilaxoán son os candidatos

09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación de Deportes de Vilagarcía vén de facer públicos os cinco finalistas ao premio a Mellor Deportista Local 2017 elixidos o luns polo xurado da Festa Local do Deporte. A atleta Raquel Meaños, o pescador submariño Ricardo González, o loitador de kenpo Pedro Muñoz, o primeiro plantel do Vilagarcía Tenis de Mesa e a tripulación infantil do Club de Remo Vilaxoán son os nomes dos que, o 1 de xuño, sairá o gañador do galardón.

Raquel Meaños entrou na selección ao conquistar o título nacional xuvenil ao aire libre nos 800 metros, a prata estatal en pista cuberta e ao bater varias veces o récord galego da distancia. O ascenso á Superdivisión, a máxima categoría do tenis de mesa español, é o mérito do Vilagarcía T.M.; como os títulos provincial e autonómico, e o subcampionato de España de bateis o son do batel infantil masculino do C.R. Vilaxoán. Os éxitos autonómicos individuais e por equipos, e os dous podios no máster internacional de Portugal coa selección galega de pesca submariña valéronlle a Ricardo González compartir posto de finalista cun Pedro Muñoz convertido en estrela emerxente do kenpo non só galego e español, con multitude de títulos, senón tamén internacional, cos ouros mundiais de armas e defensa persoal mixta, e as pratas en kata e en combate no 2017.

 

Mencións especiais

O xurado tamén acordou a concesión das mencións especiais coas que a Fundación recoñece o labor realizado por persoas ou entidades a favor ou para promocionar o deporte local. Este ano a Luis Vilas, presidente do C.D. Bamio, o Centro Médico Jacinto López, o Arousa pola organización do VI Trofeo Cidade de Vilagarcía, a Pablo Penedo, redactor de La Voz de Galicia, o director técnico e adestrador do C.X. Fontecarmoa Julio Torrado, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía, e o equipo de atletismo adaptado do Concello de Vilagarcía nos Xogos do Eixo Atlántico.

A entrega das mencións e do premio ao Mellor Deportista Local faráse o 1 de xuño desde as 21.30 horas no Salón García.